A Xunta defende que Ence consuma 600 litros de auga por segundo con Galicia en prelaerta por seca

A prealerta mantense en toda a conca de Galicia-Costa polos baixos caudais dos ríos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/05/2022 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez López, defendeu este venres a xestión da concesión de captación de auga de Ence no río Lérez que, de acordo ás novas normativas, "baixou desde os 1,5 metros cúbicos/segundo ata os 0,6 metros cúbicos por segundo", é dicir, 600 litros por segundo. López compareceu ante a Comisión 2ª do Parlamento de Galicia a petición do grupo nacionalista, que requiriu coñecer as condicións da concesión.

Segundo explicou a representante autonómica, permitíraselle a Ence o aproveitamento do Lérez para uso industrial cun máximo de 1,5 metros cúbicos por segundo. A concesión, outorgada como máximo por 65 anos, estará vixente ata o 21 de decembro de 2043, pero agora "con novas normas establecidas na remodelación concesional".

Esta modificación, explicou López, estivo motivada "pola constante preocupación de fornecer auga de calidade e en cantidade, sobre todo ante a evidencia do cambio climático". Ademais, por mor da seca de 2017, solicitouse un requirimento a Ence para "saber os consumos reais da planta". Tras os estudos, reduciuse a captación ata os 0,6 metros cúbicos/segundo.

Respecto ao coeficiente de vertedura, a directora de Augas de Galicia sinalou que "non se cobra se non se presta". "Ence ten o seu propio servizo de depuración, non verte a ningunha EDAR de Galicia, así que non paga", explicou.

Por outra banda, López lembrou que as Administracións públicas deberían someterse a auditorías polas concesións, e publicar os resultados nas súas páxinas webs. "Unha vez finalizados os prazos, o 4 de marzo remitín cartas ás Administracións solicitando a información. 45 contestaron e só ao redor de 20 tiñan información", lamentou, sinalando que un dos concellos que non respondeu foi o de Pontevedra.

A fábrica de Ence situada á beira da ría de Pontevedra, separadas pola estrada que une Pontevedra con Marín
A fábrica de Ence situada á beira da ría de Pontevedra, separadas pola estrada que une Pontevedra con Marín | Fonte: Europa Press.

PREALERTA NA CONCA GALICIA-COSTA

A Oficina Técnica da Seca da Xunta acordou este venres manter o estado de prealerta en toda a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa polos baixos caudais dos ríos

Na cita analizouse o detalle da evolución da situación hidrolóxica das distintas concas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, e confirmouse a "anomalía hidrolóxica" que se detectou nos anteriores meses do ano.

A Xunta sinalou que, desta análise, despréndense varias cuestións ás que os técnicos da Oficina da Seca están a prestar especial atención, sendo unha delas os caudais circulantes rexistrados nos ríos da demarcación que, no mes de abril, foron uns 48% inferiores aos que normalmente se rexistran neste mes do ano.

Ademais, as precipitacións rexistradas no mes de abril foron uns 32% inferiores ao valor climático normal, cunha media de 84l/m 2.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta