A Valedora do Pobo intercede polas familias para que se baixe ao pecio do 'Pitanxo'

Os familiares acoden á institución de forma "case desesperada" e acusan o Goberno central de pór "escusas" para non localizar o barco.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/05/2022 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

A Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, trasladará de maneira "inmediata" ao Defensor del Pueblo a petición das familias dos 21 falecidos do buque 'Villa de Pitanxo', naufragado a 450 quilómetros ao leste de Terranova (Canadá) a madrugada do 15 de febreiro, de que se localice e se baixe ao pecio non só por se se pode localizar algún corpo, senón tamén para que se tomen imaxes e se investigue o ocorrido.

Familiares dos mariñeiros desaparecidos no naufraxio da 'Vila de Pitanxo' reúnense coa Valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño.
Familiares dos mariñeiros desaparecidos no naufraxio da 'Vila de Pitanxo' reúnense coa Valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño. | Fonte: Europa Press

Así o trasladou a Valedora durante unha reunión mantida este venres en Santiago de Compostela cunha decena de familiares dos tripulantes desaparecidos, que lle trasladaron as súas denuncias sobre a "inacción" do Goberno de España, que non deixa de "pór escusas" para non investigar 'in situ' o barco afundido.

A intención das familias, en palabras da súa portavoz, María José Do Pazo, é pedir "dunha forma xa case desesperada" á institución o seu "apoio" para que se baixe ao buque. "Levamos meses de periplos por moitas administracións, de darnos falsas esperanzas dicindo que cando viñese o bo tempo podíase acometer", engadiu.

Precisamente, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, volveu comunicar esta semana que o rexeitamento do Estado a retomar as tarefas para localizar o barco e obter imaxes sobre o seu estado é unha "decisión técnica". Con todo, cun visible malestar por estas afirmacións, a portavoz das familias replicou que "existen medios técnicos" e que mesmo a embaixadora de Canadá, Wendy Drukier, trasladoulles o pasado mércores que non hai ningún impedimento por parte do país norteamericano para poder baixar ao pecio afundido.

Do Pazo, na reunión coa Valedora, insistiu en que o único que queren é "esclarecer o sucedido" xa que hai "dúas versións que difiren": a do patrón, Juan Padín, e a doutro do tres sobreviventes, Samuel Kwesi, cuxo relato as familias ven como "a hipótese máis coherente" ao declarar --segundo apuntan diversas informacións-- que o patrón non arriara os cables da rede cando llo pediron os mariñeiros.

A "ESCUSA" DO GOBERNO

Así, dado que "faltan moitos datos" por coñecer sobre o ocorrido aquela madrugada do 15 de febreiro, reclaman que se investigue o buque 'in situ'. Ao fío disto, acusou o Goberno de "falta de sensibilidade" porque utiliza a "escusa" de que os familiares piden "o rescate dos corpos".

Con todo, María José Do Pazo alegou que esa petición era "nos primeiros momentos" tras o naufraxio, algo que é "normal e natural". Pero agora ven "lóxico" que xa non haxa cadáveres e o que reclaman é "baixar para investigar e que se grave" o barco, porque é "a terceira testemuña". É unha demanda tamén verbalizada tanto por Samuel Kwesi como polas familias dos corpos que si se puideron recuperar.

"Aínda que non apareza ningún corpo, débese baixar. É unha obriga baixar ao barco porque é a evidencia de moitas cousas e é parte da investigación. A ver se hoxe, dunha vez por todas, queda claro", esgrimiu a portavoz.

"CARPETAZO" CON "MEDIO FOLIO"

Ademais, queixáronse ante a Valedora de que o Goberno dese "carpetazo" a esta reclamación con "medio folio" e "sen ningún anexo". "Isto é unha vergoña, é unha falta de respecto ás familias, aos falecidos e a toda a xente do mar. Estamos tres meses esperando para que nos dean isto?", preguntouse Do Pazo, coa folla na man.

Por iso, tamén insistiron na necesidade de que o Executivo central organice unha reunión por videoconferencia coas autoridades canadenses para que acheguen informes coas dilixencias realizadas en augas de Terranova, porque ata o momento "non se deu ningún tipo de informe, nin de dossier de absolutamente nada", tampouco para xustificar a negativa de baixar ao pecio.

De feito, lembrou que o pasado 4 de abril, en Perú, as familias dos falecidos con nacionalidade deste país puideron manter un encontro 'en liña' con Canadá na cal "lles mandaron á familia un dossier" con esas actuacións. "Iso mesmo pedímolo nós", recalcou Do Pazo.

Neste contexto, portavoz das familias recoñeceu que lles deu "moitísima vergoña" ter que dicirlle o mércores á embaixadora que levan "meses esperando por esa videoconferencia", xa que as autoridades do seu país teñen "total dispoñibilidade". "En Canadá déronnos máis facilidades e apoio que o noso Goberno neste momento", lamentou.

TRASLADO AO DEFENSOR "DE FORMA INMEDIATA"

Sobre as dilixencias que a Valedora do Pobo pode realizar, a titular da institución, María Dolores Fernández Galiño comprometeuse a trasladar "de forma inmediata" estas demandas ao Defensor del Pueblo, xa que as actuacións son de "competencia estatal", para que o seu responsable, Ángel Gabilondo, faga de "mediador" co presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

"Nós, desde o primeiro momento, puxémonos en contacto co Defensor del Pueblo para que se puidese interpelar os ministerios correspondentes para que naquel momento non se detivese a procura (dos corpos). Do mesmo xeito, agora, se falamos de que se faga unha investigación, entendo que a investigación pode ser novamente co Defensor del Pueblo", explicou.

Trátase, recalcou a valedora, de baixar ao buque non para buscar unha "responsabilidade penal", xa que iso o determinará a Xustiza, senón para "facer xustiza aos mariñeiros desaparecidos e aos que están a traballar no mar".

CONDICIÓNS DE TRABALLO

Á parte de trasladar á Valedora estas demandas, os familiares tamén denunciaron as condicións coas que traballaban os tripulantes da 'Villa de Pitanxo'. Neste sentido, lembraron que antes do naufraxio houbo un gromo de covid-19 no barco e que, con todo, "estiveron a traballar".

Ao termo do encontro, a portavoz das familias agradeceu publicamente a "reunión extensa pero moi positiva" mantida e destacou que Fernández Galiño "tomou notas" e estívolles "escoitando". "Saímos coa firme convicción de que a Valedora, se algo se pode facer, farao", manifestou Do Pazo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta