A Eurocidade Chaves-Verín levará adiante un proxecto Erasmus+ sobre dixitalización para pemes

Nunha primeira fase, mozas da Eurocidade Chaves-Verín participarán nun programa de formación en mercadotecnia, comunicación e dixitalización. Posteriormente, compartirán coñecementos e habilidades dixitais con emprendedores da rexión.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2022 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

Un proxecto ERASMUS+, programa da Comisión Europea, recentemente aprobado pola Axencia Nacional Portuguesa Erasmus+ Educación e Formación, foi adxudicado a Eurocidade Chaves-Verín no ámbito da mocidade e a transformación dixital, baixo o título 'Novos Embaixadores Dixitais das pemes'.

O proxecto ten como socios á Asociación para o Desenvolvemento da Rexión do Alto Támega (ADRAT) e á Fundación Galicia Europa (FGE) e o seu principal obxectivo é abordar a transformación dixital a través do desenvolvemento de competencias dixitais e respectiva formación.

Nunha primeira fase, mozas da Eurocidade Chaves-Verín participarán nun programa de formación en mercadotecnia, comunicación e dixitalización. Posteriormente, compartirán coñecementos e habilidades dixitais con emprendedores da rexión.

O obxectivo é que se convertan en Embaixadores Dixitais das pemes mediante a creación de contidos dixitais para que os emprendedores poidan desenvolver o seu negocio desde unha perspectiva dixital.

Ademais de aumentar as oportunidades de emprego nas zonas rurais, tamén se pretende mellorar a eficiencia empresarial e a competitividade das pequenas empresas, debido á súa evolución en termos de dixitalización e habilidades nos mercados dixitais.

Esta interacción propiciará o intercambio de coñecementos e experiencias entre mozas e empresas, así como a posibilidade de creación de novos negocios por parte dos mozos. A aprobación deste proxecto coincide co Ano Europeo da Mocidade, que destaca a importancia da mocidade europea na construción dun futuro mellor, explicou a Eurocidade.

Sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Eurocidade Chaves-Verín.
Sede da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Eurocidade Chaves-Verín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta