Parques de bombeiros comarcais, deixar a xestión privada é máis barato

A creación dos parques comarcais de bombeiros veu parella á súa xestión indirecta. O desacordo dos traballadores e traballadoras con que a seguridade non pode ser un negocio tivo eco finalmente hai só un par de anos. A falta de persoal e tamén a falta dun “mando único” que xestione todos os corpos de salvamento, incendios e protección civil, son dúas das principais peticións do colectivo.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 18/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A creación dos parques de bombeiros comarcais respondía á necesidad de cubrir aqueles concellos e localidades con menos de 20.000 habitantes. Até ese momento as grandes cidades galegas tiñan os seus parques municipais por superaren o anterior número de poboación. A xestión dos parques comarcais caeu en mans de empresas privadas logo de “concursos” ofertados pola Xunta de Galicia. Esta política de xestión privada dun servizo público resúmena as fontes consultadas como “unha cuestión de ideoloxía”. Varios anos despois, o mesmo PP que enxalzaba o modelo privado de xestión para o público, recoñeceu as fallas do sistema e agora Xunta e Deputacións reparten ao 50% a xestión dos parques comarcais das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Ourense continuará co modelo anterior até comezos de 2023 cun reparto do 60% Xunta e 40% Deputación.

Bombeiros traballan na extinción dun incendio no Polígono Industrial Ceao, a 11 de abril de 2021, en Lugo, Galicia (España). O voraz incendio iniciado na mañá deste domingo no Polígono de Ou Ceao, en Lugo, quedou controlado pasado o m. Carlos Castro - Europa Press
Bombeiros traballan na extinción dun incendio no Polígono Industrial Ceao, a 11 de abril de 2021, en Lugo, Galicia (España). O voraz incendio iniciado na mañá deste domingo no Polígono de Ou Ceao, en Lugo, quedou controlado pasado o m. Carlos Castro - Europa Press

XESTIÓN DOS PARQUES

Os consorcios provinciais para a prestación de servizos de extinción de incedios e salvamento naceron para dar cobertura ás vilas e lugares de menos de 20.000 habitantes. “A xestión era indirecta, facíaa unha empresa, no consorcio de Lugo a xestión xa é directa desde hai tres anos” di Pablo Méndez de CC.OO. Este paso de privado a público obrigou a subrogar os bombeiros sen realizaren probas. “Unha sentenza do Tribunal Superior de Justicia de Navarra declaraba que os traballadores subrogados pola administración pública non teñen que superar unha proba selectiva” sinala Álvaro Negreira de UGT.

A política do PP xa sabemos cal é, privatizar, por iso decidiron que o mellor sistema de xestión, nun primeiro momento, era o privado” di Ángel Moldes da CIG. Ao final o sistema acabaou revertendo na xestión pública “grazas ao traballo sindical que fixemos caeron na conta de que era mellor un sistema público e tamén que en tres deputacións gobernan coalicións de esquerda”. Isto inflúe en abrir OPEs para estes parques? “Xa cando comezaran os servizos dos parques os traballadores comezaramos a pedir o revertemento ao sector público da xestión” di Pablo Méndez de CCOO. “Cando eu comecei a traballar, a empresa xestora nos parques de Barreiros, Vilalba e Viveiro era Veicar (Vehículos y Carrozados), que viña con experiencia pois xa xestionaba parques na Coruña e Ourense” apunta Méndez.

A teoría detrás dos parques estaba en colocar os parques contraincendios no centro da comarca para dar servizo a toda a área. Aínda así, quedan zonas “sombrías” que, correspondendo a un determinado parque, non pode ser atendida no tempo mínimo estipulado de 20 minutos porque fisicamente non é posible. “O parque da Terra Cha cobre a área máis grande en Galicia, pois Friol tócanos a nós por sermos os máis próximos” di Méndez. Friol está na comarca de Lugo e o mesmo ocorre con municipios como Ribeira de Piquín. As distancias entre parque e localidade superan os 20 minutos amplamente.

Parque de Bombeiros
Parque de Bombeiros | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo.

COMPETENCIAS E CENTRALIZACIÓN

“Temos falta de persoal  pois as quendas son feitas por tres ou catro persoas, un número insuficiente en caso de incendio nun edificio pechado ou para atender un accidente” describe Álvaro Negreira. “O número escaso de persoal vén de sempre porque todas as administracións queren reducir custes, aínda que por exemplo, o parque de Lugo está sacando unha OPE”, apunta Pablo Méndez. A isto súmaselle a falta de relevo para as xubilacións as cales contan cun coeficiente reductor que estipula o retiro aos 60 anos de idade. A falta de persoal “é máis evidente nos parques comarcais, posiblemente debido á política atomizadora de servizos, por iso esperamos que a xestión pública permita unha maior coordinación”, di Ángel Moldes.

A falta dunha lei marco estatal para o servizo de bombeiros permitiu entre outras cousas, a aplicación da xestión privada dos parques en Galicia. Por outra parte, a falta dunha centralización nos mandos pode crear situacións de confusión en canto competencias entre parques comarcais e locais, entre bombeiros e G.E.S., ou co voluntariado de Protección Civil. “O voluntariado e outros corpos están preparados para axudar,” di Méndez, que sobre cuestións competenciais pon o exemplo das velutinas, “hai concellos con equipos propios para retirar os niños de velutina, outras veces temos ido os bombeiros”, é dicir, non hai un corpo específico para este tipo de emerxencias.

A creación dunha lei estatal que defina uns puntos básicos para a acción dos bombeiros, precisaría dunha estrutura administrativa coa finalidade de coordinar todos os corpos involucrados nas emerxencias. “En Galicia xa temos unha estrutura creada, só hai que materializar o seu funcionamento, existe unha Dirección Xeral de Emerxencias e unha Axencia Galega de Emerxencias” explica Negreira que insiste, “por tanto debera existir xa un mando único” para a xestión e coodinación dos corpos involucrados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta