A mineira de San Finx e Varilongo colapsa en Bolsa

Ecoloxistas en Acción alerta que as accións de Rafaella Resources se desploman a mínimos históricos mentres está inmersa nunha "maraña" de procesos xudiciais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2022 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

O valor na bolsa australiana da mineira que controla as minas de San Finx (Lousame) e de Varilongo (Santa Comba), Rafaella Resources, vén de caer a mínimos históricos esta semana, na que cotizou por debaixo dos 4 céntimos australianos (0,02 euros por acción) e caeu máis dun 80% desde a súa cotización máxima de 2019, segundo datos ofrecidos por Ecoloxistas en Acción.

Mina de San Finx, en Lousame
Mina de San Finx, en Lousame | Fonte: Ecoloxistas en Acción

A organización xa denunciara en xaneiro que o traspaso da mina de San Finx por parte de Sacyr a esta empresa, ligada a un conglomerado opaco con sede nos paraísos fiscais das Illas Virxes Británicas e Hong Kong, "non era máis que unha estratexia para fuxir das súas responsabilidades ambientais" sobre unha explotación que "pon en risco" millares de postos de traballo nos bancos de marisqueo da ría de Muros e Noia, a apenas 7 km de distancia, explica Ecoloxistas en Acción.

Para a organización, a evolución bursátil de Rafaella Resources confirma a "manobra de endoso do pasivo ambiental practicada por Sacyr". "Queda en evidencia que unha empresa descapitalizada e con cotización irrisorias é incapaz xa non só de explotar as dúas minas galegas, senón de facerse cargo da restauración e impactos ambientais que estas causan", prosegue.

Así mesmo, Ecoloxistas en Acción denuncia que a Xunta de Galicia leva máis dunha década sen actualizar a "insignificante" fianza ambiental de ambas minas, cando o custo real de restauración en caso de quebra ou fuxida das concesionarias sería "multimillonario". Este desleixo da Xunta, asegura Ecoloxistas en Acción, pode provocar un novo caso coma o do  Monte Neme, "onde foron as administracións as que tiveron que asumir os custos de restauración logo de anos de lucro e subvencións das concesionarias".

Ademais, "ao permitirse o control das concesións mediante sociedades interpostas, neste caso Biscay Minerals Limited, a mineira Rafaella Resources nin sequera respondería co seu propio capital", subliñan desde a organización ecoloxista.

MARAÑA DE PROCESOS XUDICIAIS

O colapso burástil prodúcese cando Rafaella Resources se ve implicada pola maraña de procesos xudiciais que afectan ás minas de San Finx e Santa Comba. No caso da de Lousame, existen catro causas penais contra unha ducia de funcionarios e altos cargos por varios delitos de prevaricación, malversación e falsidade documental nos xulgados de Santiago de Compostela, así como unha causa por delito ecolóxico pendente de reapertura no xulgado de Noia.

No caso da mina de Santa Comba tamén están pendentes de resolución varios recursos ante a Audiencia Provincial relativos a presuntos delitos de prevaricación e danos ambientais. En paralelo, Ecoloxistas en Acción denuncia que Rafaella Resources mesmo chegou a cursar unha denuncia falsa contra a organización "como tentativa desesperada de intimidación, á vista da insostible situación ilegal da explotación, que nin conta con autorización de vertidos nin avaliación de impacto ambiental, ao igual que a de San Finx".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta