Silva responde tras o fallo que obriga á Deputación de Pontevedra a convocar un pleno: "O PP é o partido do sangue"

Os 'populares' valoraron como unha "vitoria política e xudicial" a sentenza do Xulgado contencioso administrativo número 2 de Pontevedra.

Por E.P. | Pontevedra | 20/05/2022 | Actualizada ás 15:18

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva, saíu ao paso das declaracións do grupo provincial do Partido Popular que nas últimas horas valoraba como unha "vitoria política e xudicial" a sentenza do Xulgado contencioso administrativo número 2 de Pontevedra, que dá a razón aos populares e ordena á administración provincial a convocar o pleno extraordinario polo caso do enchufe da cuñada da presidenta.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Rafa Estévez - Deputación de Pontevedra.

Carmela Silva asegurou que "ao Partido Popular, que ten como obxectivo a destrución do adversario político, encántalle o sangue". "Son o partido do sangue. É moi triste. A min danme mágoa", agregou.

A mandataria provincial recomendou aos deputados do PP que este xoves esixían a súa dimisión "que abandonen toda posibilidade de que a presidenta da Deputación vaia facer caso dun modo tan indecente de facer política".

Segundo Carmela Silva "o Partido Popular fai política indecente" e preguntouse "como ten tanta caradura o partido da corrupción", referíndose ás sentenzas por corrupción contra o PP.

Silva reiterou que "esta presidenta é intachable" e que "nunca" tivo que sentar nun xulgado. "Nunca, na miña vida, nin como testemuña", apostilou.

Respecto da petición de explicacións que lle reclama o PP, indicou que "non ten nada que explicar, porque hai unha sentenza" sobre un caso no que ela "non" foi "nin imputada, nin investigada". "Nin me chamaron como testemuña, porque non había nin sequera indicios da miña participación", dixo, aludindo ao propio fallo xudicial.

Ademais, explicou que "a presidenta non decide se hai plenos, isto está taxado na lei", e que "é o secretario do pleno o que informa se considera que ese é un asunto a tratar ou non".

Neste caso, o Xulgado contencioso administrativo considerou que non, pero Carmela Silva lembra que "hai moitas sentenzas que avalan a súa posición" e sinala que "tamén o fiscal que analizou esta denuncia do Partido Popular dixo que había que inadmitir o recurso".

"Eu non comparto a súa sentenza, pero admítoa porque eu si que son unha demócrata e nin sequera critícoa", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Esta vez semella que a súa boa relación coa Fiscalía non serviu para escapar do Pleno... Claro que fará o mesmo que fixo no Pleno do Concello de Vigo (non asistir e punto pelota) mentras o resto de concelleiros votaban contra das mocións presentadas pola oposición... Pero o que resulta INDIGNANTE é pretender volver a contratar por outos 4 anos ao mesmo mangante... e pedir o indulto do condeado a 5 anos (por se acaso abre a boca) // https://www.lavozdegalicia.es/notic...