A Xunta acórdase do galego para pedir máis financiamento ao Goberno central

Demandan máis fondos europeos para proxectos de dixitalización.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2022 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reclamou este luns ao Goberno central que incremente os fondos europeos destinados ao idioma galego para contribuír á súa incorporación á realidade dixital. Así o pediu en Santiago, durante unha xornada para dar a coñecer ao público xeral, universidades, empresas e administracións públicas o proxecto 'Nós' de intelixencia artificial ao servizo do galego, na que participaron expertos como a comisionada especial para a Alianza pola Nova Economía da Lingua, Carmen Gallach.

Neste contexto, Rodríguez insistiu en que "a incorporación do galego e das outras linguas oficiais ás contornas dixitais debe ser un compromiso de todas as administracións e entidades", porque isto "é unha garantía para a súa preservación e promoción".

Por isto mesmo, o conselleiro tachou de "insuficientes" os fondos destinados aos idiomas cooficiais no Proxecto Estratéxico para a Recuperación e a Transformación Económica (Perte) Nova Economía da lingua que aprobou o Executivo central. E é que este instrumento, cun investimento global de 1.100 millóns de euros, destinará 30 millóns a apoios a proxectos nestas linguas.

"A porcentaxe final é moi inferior ao importe total das iniciativas en desenvolvemento para a promoción das linguas cooficiais, tendo en conta que, por exemplo, só o proxecto 'Nós' costa máis de 15 millóns", explicou.

Así, o conselleiro insistiu en que o apoio a estes idiomas neste campo asegura "a súa integración na transformación dixital da sociedade". "Porque queremos poder falar con 'Siri', 'Alexa' ou 'Google' no idioma co que máis cómodos nos sintamos e, ademais, queremos facelo para ingresar sen obstáculos na realidade económica global", aseverou Rodríguez.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o reitor da USC, Antonio López, inauguran unha xornada divulgativa sobre o proxecto 'Nós' de intelixencia artificial sobre a lingua galega.. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o reitor da USC, Antonio López, inauguran unha xornada divulgativa sobre o proxecto 'Nós' de intelixencia artificial sobre a lingua galega.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta