The Waylanders’, o videoxogo de rol galego, recibe o Premio Iniciativa Empresarial do CPEIG

Con localizacións na Torre de Hércules e na Catedral de Santiago e nas contornas naturais do Ézaro e Fisterra, o xogo narra a historia dun grupo de guerreiros que viaxa no tempo a través da época celta e medieval.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 24/05/2022 | Actualizada ás 11:59

Comparte esta noticia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorgou o Premio Iniciativa Empresarial da "XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia" ao videoxogo ‘The Waylanders’ creado pola compañía coruñesa Gato Salvaje Studio.

‘The Waylanders’ é un xogo de rol clásico, pero cunha característica especial, a inspiración en localizacións do norte de España, especialmente en Galicia, cun toque fantástico dos mitos celtas e o oscurantismo dunha era medieval invadida por unha corrupción máxica. Ambientouse en distintos escenarios históricos como a Torre de Hércules ou a Catedral de Santiago, ademais doutras contornas como O Ézaro e Fisterra.

O proxecto desenvolveuse durante cinco anos. Aínda que inspirado nun xogo moi popular do inicio dos 2000, Dragon Age, ‘The Waylanders’ ten un estilo que destaca pola ambientación e a mitoloxía galegas, con toques de tema celta, de folclore, e apuntes medievais e de cristianismo moi arraigados en Galicia. Finalmente, saíu a venda en febreiro de 2022.

Narra a historia dun grupo de guerreiros que viaxa no tempo a través da época celta e medieval. O director creativo da compañía, Sergio Prieto, explica que a historia de base é unha adaptación dunha lenda irlandesa que conta que os fundadores de Irlanda saían de Galicia, historia coa que arrinca o xogo, pero cunha variación na lenda que o xogador descubrirá a medida que avanza na historia. Prieto apunta tamén que a mestura de razas apréciase no xogo, con humanos, trasnos e licántropos, ademais de mouros, fomores e xigantes da mitoloxía irlandesa.

O guión foi creado por dous profesionais que traballaron en grandes producións internacionais: Emily Grace Buck (The Walking Dead, Batman: The Enemy Within, Gardiáns da Galaxia)  e Mike Laidlaw (sagas Dragon Age e Mass Effect).

Personaxes do videoxogo galego The Waylanders
Personaxes do videoxogo galego The Waylanders | Fonte: The Waylanders

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta