Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2022 | Actualizada ás 14:00
"Conversar sobre como nos sentimos e como observamos a nosa maneira de estar no mundo desde unha perspectiva feminista que procure cuestionar os nosos privilexios, explorar outros xeitos de sermos homes e reducir ou xestionar as agresións machistas que exercemos día a día". Estes son os obxectivos do 'II Encontro de homes da Galiza sobre masculinidades e feminismos' que acolle Cecebre esta mesma fin de semana. Buscan tecer redes e "aglutinar o que se está movendo a nivel galego", e é que se ben coa pandemia moitos destes grupos de homes pola igualdade quedaron no camiño, hai intención de volver coller impulso.
De feito, un dos propósitos destas xuntanzas, que teñen previsto organizar cada seis ou oito meses, pasa por abordar os retos e dificultades na creación e mantemento no tempo destes grupos de homes, ademais de reflexionar sobre a paternidade e os vínculos coa masculinidade hexemónica, traballar as emocións e a vulnerabilidade ou explorar como responsabilizarse das condutas e agresións machistas exercidas. Velaquí a conversa co grupo promotor do encontro.
Que procurades con estes encontros?
Dende hai uns anos existen homes e colectivos de homes, sobre todo procedentes do activismo e interpelados polo feminismo, que queren traballar en prol da igualdade. Démonos conta de que un piar clave é o traballo persoal e colectivo entre iguais, para reflexionar sobre como nos afecta aos homes o patriarcado e sobre as violencias que exercemos. A nosa intención é provocar un cambio en nós mesmos e noutros homes, para conseguir unha sociedade máis xusta e sen violencias.
Que é un grupo de homes?
Son colectivos conformados por homes que temos o obxectivo de aprender a relacionármonos desde o bo trato, de cuestionar os nosos privilexios e de intentar, deste xeito, axudar a cambiar o mundo. Os homes, segundo somos socializados no sistema patriarcal, temos unha serie de condutas e sustentamos uns privilexios que xeran violencia cara a outras persoas, principalmente mulleres, e é unha situación inxusta, de desigualdade. Contra isto, os grupos de homes, cos feminismos como base, parecen ser ferramentas interesantes porque nos motivan para traballar nas masculinidades e nas emocións, dun xeito interno e persoal, pero tamén colectivo. Outro dos piares destes grupos pasa por pensar en como saír á sociedade a propoñer. Quizais estes encontros ou outras actividades que teñen desenvolvido grupos como Micromachinhos en Santiago, son unha maneira.
E como funciona? Como traballades?
Neles traballamos as nosas violencias. Se, por exemplo, algún de nós tivo unha actitude que non lle gustou, podemos falalo e tratar de entender de onde nace para non repetilo. Analizamos textos, vídeos, facemos debates... Este é un movemento a nivel mundial, entón hai un intercambio interesante. Moitos talleres son vivenciais ou trabállase máis o corporal, porque sobre todo os homes somos moi mentais. Trátase de traballar en falar desde o eu, non lanzar un discurso tan racional, senón ver que me está pasando e coidarnos entre nós. En definitiva, levar un tipo de relacionamento que non está moi visto nos colectivos máis políticos, por exemplo. Encollernos un pouco cara adentro e non tanto cara a fóra, que é o que estamos acostumados a ver, tamén na prensa.
Se a algún home lle está resoando todo isto que comentas, como pode achegarse a algún destes grupos?
Poucos grupos de homes chegan ao punto da difusión pública porque nacen ao redor dun activismo ou movemento social. Con todo, hai bastantes ONGs que procuran que os homes se organicen e traten estes temas. Eu animaríao a buscar no seu lugar, na súa cidade ou vila, se hai algo que se move. O encontro que organizamos, de feito, busca xerar redes a nivel máis amplo.
Para un home que comeza, sempre hai dúas ramas: unha que está guai e outra que é máis incómoda. A primeira ten que ver cos custos, con como nos afecta o patriarcado. Somos persoas que non temos corresponsabilidade na casa, cos fillos e fillas, que non somos capaces de expresar emocións, que respondemos moito coa agresividade... Neste sentido, exercer esas masculinidades diversas que non están axustadas na masculinidade hexemónica mellora incluso a nosa calidade de vida.
A outra é máis incómoda: traballar os privilexios e as violencias. Como somos sustentadores de privilexios, non nos damos conta de que ocupamos un espazo no mundo que agrede aos demais, porque nolo ensinan así de pequeniños. Os homes temos que traballar para agredir menos e ser conscientes do poder que temos en cada momento, en cada relación, en cada colectivo...
Por onde comeza un a sacar privilexios?
Os privilexios... Por onde comezar... O primeiro é ter unha vontade de cambio. E escoitar moito ás mulleres do noso redor. Porque a xente que sustenta privilexios normalmente non se dá conta, igual que as persoas brancas non somos conscientes moitas veces de que temos actitudes racistas. Aos homes, ou polo menos no meu caso particular, quen me alertaron dos privilexios foron as mulleres do meu redor, que nun momento dado me dan un toque.
E moitas veces sentímonos atacados, buscamos excusas, pero cómpre quedar aí, ver que nos está pasando, e intentar non defenderse contra quen nos está expresando algo que pode ser interesante e certo. En realidade, se te pos a afinar un pouco, normalmente resulta que estás xerando unha situación de inxustiza que non estás sendo capaz de ver. Isto trabállase tamén nos grupos de homes. Como facelo? Pois moi pouquiño a pouco. Cómpre poñer atención a aquilo que che din as mulleres e colectivos marxinalizados do teu redor e acollelas aínda que che parezan incómodas. Traballalo a nivel de terapia persoal tamén é moi recomendable.
Entendo que se trata dun proceso, como dis, incómodo, e que é constante no tempo. Con que dificultades batedes ao longo deste traballo de revisión?
Aos homes cústanos moito asumir que metemos a pata. Neste sentido, é difícil traballar unha actitude humilde, non quedar na culpa, nas excusas ou na negación e responsabilizarnos desa metedura de pata. Tamén é difícil a constancia. Todo o mundo temos a nosa vida e isto require moita implicación. Por agora somos moi pouquiños... Ás veces os grupos morren e é complicado que se manteñan no tempo. Aínda que medra pouco a pouco, é un movemento moi minoritario e que está moi marxinalizado aínda. A medida que vaia crecendo poderá estenderse e normalizarse máis.
Ademais, fronte aos avances do feminismo xorden tamén unhas masculinidades moi reaccionarias. O contexto é favorable?
Os discursos terribles como reacción do avance do movemento feminista estanse metendo na axenda de todos os lugares. Hai unha reacción terrible comandada por homes, a maioría das veces, que defenden o machismo. Non axuda este discurso reaccionario. Aquí en Galicia, os grupos de homes pola igualdade están nunha fase incipiente, temos aínda moito que gañar, e cremos que non hai unha reacción concreta contra eles. Pero si, todo o discurso reaccionario que está nacendo nos últimos anos, sobre todo a partir de certos partidos e movementos de dereita e prensa, fano máis difícil, xera que isto se vexa con menos empatía.
Poñedes o foco no traballo das emocións. Hai quen di que a masculinidade hexemónica é coma unha cárcere. Védelo así?
Pode selo, si. É coma unha idea. Todos aspiramos a ela, por construción ou por anhelo, pero ningún somos capaces de chegar a iso. Hai xente que se aproxima un pouco máis, outra que menos, dependendo dos corpos, das orientacións sexuais... E outros están moi alonxados. Si que é unha cárcere ata que non te vas desprendendo de querer chegar a ela. Unha vez dis 'eu son como son, e teño cousas boas e malas', podes comezar a traballar outro tipo de masculinidades, e valorizar aquilo que o modelo hexemónico tradicional non valoriza, como ter unha orientación sexual que non sexa hetero. Darlle valor é romper o modelo dalgunha maneira.
Para que serve o feminismo aos homes?
É unha especie de guía. O feminismo non deixa de ser a procura dunha sociedade igualitaria. É produto dun traballo das mulleres de centos de anos de elaboración teórica e práctica sobre como chegar a unha sociedade igualitaria, e os homes temos que abrazar os feminismos ou telos como guía para ir avanzando neste proceso.
Xa para rematar, cando se fala de novas masculinidades adoita ligarse o discurso á paternidade, o fogar e os coidados. É un reto que está por diante amplialo máis alá destes ámbitos?
Os coidados en sentido amplo na casa, na familia, son unha maneira de aprender a coidarnos nós, de respecto por nós e polo noso corpo, porque normalmente non sabemos facelo. Cóidannos outras persoas, as mulleres do noso entorno. Entón iso lévanos a coller autonomía e aprender a facer as tarefas de coidado, supervivencia e perpetuación da vida que fan as mulleres. A corresponsabilidade de ter crianzas tamén é importante. Isto está no piar básico do cambio primeiro no teu entorno, pero eu diría que é fundamental o tema de aprender a relacionarnos desde o bo trato, revisar privilexios, relacionarnos desde a vulnerabilidade que temos e non ser sempre os machos duros, fortes. E traballar as violencias. É unha das loitas máis importantes do feminismo: acabar coa violencia por parte dos homes e do machismo cara ás mulleres, identidades diversas e colectivos marxinalizados. Para nós é fundamental traballar este punto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.