A Xustiza obriga á Comisión de Investigación de Accidentes a contestar ás vítimas de Angrois

Deberá dar resposta á solicitude dunha nova investigación sobre o accidente presentada pola asociación Plataforma de Vítimas Alvia 04155.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2022 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid estimou parcialmente o recurso contencioso administrativo presentado pola Plataforma de Vítimas Alvia 04155 e ordenou á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) que se reúna para analizar e dar resposta á solicitude dunha nova investigación sobre o accidente de Angrois presentada por esta asociación.

En concreto, nunha sentenza datada deste mesmo mércores, o TSJ dá parcialmente a razón ás vítimas e insta a que a CIAF se pronuncie sobre esta petición a pesar de que o Goberno non acceda á renovación dos seus membros, algo que tamén reclamaba a Plataforma e que foi rexeitado polo tribunal.

A plataforma interpuxo un recurso contencioso-administrativo ante o tribunal madrileño contra a "desestimación presunta por silencio administrativo" da solicitude presentada ante a CIAF para que se realice "unha nova investigación" do accidente de Angrois, así como fronte á negativa do Ministerio de Transportes de, "con carácter previo" a esta resolución, proceder a "unha nova elección" de membros da Comisión de Investigación, tendo en conta que consideran que non son independentes para este labor.

En concreto, a Plataforma alega no seu recurso que o informe final sobre o accidente de Angrois realizado pola CIAF, do 20 de maio de 2014, foi "elaborado coa intervención de persoal directamente involucrado no sinistro" e non foi, por iso, independente, algo que tamén apuntan resolucións da Axencia Ferroviaria Europea. Por iso, reclaman tanto que se renoven os seus membros como que se realice unha nova investigación.

DESCARTA A RENOVACIÓN

No seu posicionamento, o Ministerio de Transportes alega que os membros da CIAF foron elixidos conforme ao procedemento legalmente establecido e, considera, cumpren as esixencias de imparcialidade, sen darse ningún dos casos previstos para o seu cesamento. Por iso, non estima xustificado que se elixa unha nova comisión.

Unha vez rexeitada esta renovación de nomes, o ministerio non entra na petición dunha nova investigación, alegando que a solicitude "se dirixe a unha hipotética CIAF distinta á actual. "Cabe entender que, a data de hoxe, non procede solicitar o criterio sobre a procedencia ou non de realizar un novo informe técnico do accidente á comisión de investigación actualmente existente", recolle o auto.

RESOLUCIÓN XUDICIAL

Na sentenza, o TSJ de Madrid fai un repaso aos termos lexislativos que amparan á CIAF para concluír que "a actual comisión foi designada conforme ás previsións da normativa actualmente en vigor", con nomes de "recoñecido prestixio" e que "tiñan á data da súa designación e mesmo anos atrás a condición de 'xubilados'", o cal "reforza o seu carácter independente".

No entanto, engade, mesmo sen este cambio, os afectados por accidentes e as súas asociacións "teñen un amplo dereito" de información e petición de accións de investigación, algo que, considera, non invalida o rexeitamento á primeira reclamación. 

Arquivo - Varios representantes da Plataforma Vítimas Alvia 04155, cunha pancarta, antes da súa reunión coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, na sede do Ministerio, a 16 de decembro de 2021.. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Varios representantes da Plataforma Vítimas Alvia 04155, cunha pancarta, antes da súa reunión coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, na sede do Ministerio, a 16 de decembro de 2021.. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

"UN BOMBAZO"

A representación legal das vítimas de Angrois valora como un "bombazo" esta estimación parcial do recurso. O socio director da firma Administrativando Avogados, Antonio Benítez Ostos, que defende os intereses da plataforma, destaca que "non houbo en España un precedente similiar" que "condene 10 anos máis tarde á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios a que se reúna e valore e entre sobre o fondo do asunto". "Que resolva conforme a dereito e non nos volva a contar o que xa nos contou de que non ten competencias", deixa claro.

Benítez Ostos valora que se dea a razón parcialmente á petición das vítimas. "Condénase á CIAF a que se constitúa e resolva sobre o fondo da nosa pretensión da investigación independente", remarca, á vez que lembra que esa Comisión só se reúne cando se producen sinistros ferroviarios graves ou moi graves.

Á espera do pronunciamento da CIAF, este letrado expón que se a Comisión "di que todo se fixo ben", aínda "queda aberta a vía xudicial para volver recorrer" no contencioso-administrativo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta