Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/06/2022 | Actualizada ás 19:10
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou unha convocatoria de 111 millóns de euros procedentes do Fondo de Transición Xusta que aspiran mobilizar uns 400 millóns, Poden optar empresas pequenas, medianas e grandes, pero estas últimas teñen un período de manifestación de interese, que abrirá este 4 de xuño e conclúe o 23 para presentar a súa intención de concorrer.
Explicouno Rueda ao termo da reunión do Consello no que se analizou o informe que incumbe a estas axudas, presentado pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, que dirixe Francisco Conde.
Este fondo ten como obxectivo identificar e impulsar proxectos tractores que permitan a transformación do tecido empresarial galego e xestionarao a Administración galega. Así, pretende ter un impacto económico e social positivo nas zonas afectadas pola denominada transición enerxética, que no caso de Galicia correspóndese coa provincia da Coruña polo peche das centrais de Meirama e As Pontes.
"A poboación está a pedir certezas, polo que son necesarios apoios concretos e, sobre todo, novos proxectos empresariais", remarcou Rueda, quen asegurou que as pemes son as principais destinatarias destes fondos, que aspiran a "impulsar proxectos tractores que permitan a transformación do tecido empresarial nestas zonas, que xeren novas oportunidades nas pemes e que faciliten un plan de desenvolvemento territorial sustentable e de futuro".
Con este fin, habilítase un período de manifestación de interese, un requisito do Goberno central, o que implica que quedarán excluídas ás grandes empresas que agora non se presenten, unha vez publicada a convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) este venres (entre o 4 e o 23 de xuño).
As grandes empresas interesadas deberán achegar información sobre a propia entidade e o proxecto proposto, así como a súa localización no territorio elixible. Pola súa banda, o Igape e o Inega, en cooperación co Goberno central, estudarán as manifestacións de interese recibidas, avaliando a súa viabilidade e compatibilidade co regulamento do fondo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.