Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2022 | Actualizada ás 18:00
O conselleiro do Medio Rural, José González, trasladou este luns ao Goberno central o estudo elaborado pola Xunta e a Fundación Juana de Vega sobre os custos do vacún de carne, que conclúe que os gandeiros de Tenreira Galega Suprema perden un euro por cada quilo de carne que venden, o que acredita "a situación xeneralizada de venda a perdas no sector".
Na súa intervención no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, no que participou por videoconferencia, José González pediulle ao ministro Luís Planas, que presidía a reunión, que se implique "con forza" para facer fronte a esta situación e que traballe para "facer cumprir a Lei de cadea alimentaria", que prohibe expresamente a venda a perdas.
Ademais, segundo informou a Xunta nun comunicado, o conselleiro agradeceu a "receptividade e a boa disposición" do ministro ante esta demanda de Galicia, "compartida tamén por outras comunidades autónomas". Así mesmo, o titular de Medio Rural destacou que a Xunta mantén unha rolda de contactos cos diferentes actores da cadea de valor da carne para "involucralos na procura de solucións a esta realidade". Neste sentido, avanzou que proximamente explicarán os resultados do estudo á industria e á distribución.
FORMACIÓN TÉCNICOS COMARCAIS
Por outra banda, a Consellería anunciou que formará a todos os técnicos e responsables das distintas oficinas agracias comarcais sobre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, "como entidades colaboradoras para a aplicación efectiva desta norma no territorio galego".
A formación, que impartirá o subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Alejandro Sánchez de Dios, desenvolverase durante os meses de xuño e xullo e consistirá nun conxunto de cursos prácticos sobre as características e a aplicación da lei no catro capitais de provincia. Segundo concretou a Xunta, os cursos arrincarán este martes en Pontevedra e finalizarán o próximo 6 de xullo en Lugo. Serán 10 horas en total, repartidas en dúas xornadas.
Actualmente, Galicia conta con 68 oficinas agrarias comarcais repartidas por todo o territorio, nas que traballan unhas 500 persoas. Estas entidades, ademais de ofrecer información e asesoramento aos cidadáns, xestionan os diferentes trámites que a veciñanza do rural fai ante a administración.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.