Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/07/2014 | Actualizada ás 08:31
Varios centos de mozos -700 segundo Diario Liberdade- participaron este xoves pola noitiña na manifestación unitaria das organizacións da mocidade independentista. Mentres as forzas políticas nacionalistas celebran hoxe o Día da Patria Galega divididas nun rebumbio de manifestacións, actos políticos e concertos; AGIR, AMI, BRIGA, Comités, Galiza Nova, Isca!, LEG e Xeira lograron a unidade de acción que estrearon o ano pasado.
A manifestación, como é habitual, foi seguida por unha forte presencia policial de axentes antidisturbios. Con todo, polo de agora non hai noticias de incidentes salientábeis. "A mocidade mantendo viva a Galiza" foi o lema da faixa de cabeceira. Na alocución final, lida por cinco mozas, apostouse pola unidade das organizacións para construír un " refacho de poder xuvenil que rachará coas cadeas do patriarcado, do capital e deste cárcere de pobos que é España".
Na marcha dende a Alameda até a zona vella escotáronse berros a prol da liberdade dos presos independentistas, de Palestina e da independencia do país. Tras os discursos na Praza do Toural, varios mozos encapuchados queimaron unha bandeira de España entre o público e aplausos de moitos dos asistentes.
Horas antes varios centos de persoas participaran na cadea humana a prol dos presos Maria Osório, Eduardo Vigo, Carlos Calvo, Antom Santos e Roberto R. Fialhega (varios deles condenados por pertenza a Resistencia Galega) convocada por Ceivar. Tamén foi controlada moi de preto pola Polícia e tampouco houbo incidentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.