Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2025 | Actualizada ás 18:14
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, cualificou como "agridoce" o resultado da reunión mantida en Madrid na mañá deste martes co director xeral do Sector Ferroviario, Carlos María Juárez, para reclamar melloras na liña que conecta a cidade coa Coruña.
Do encontro, que durou máis dunha hora e no que participaron tamén os portavoces dos grupos municipais (Partido Popular, PSdeG-PSOE, BNG e Ferrol en Común), o rexedor destacou a parte positiva que supuxo que os "escoitaron" e polo feito de "conseguir o compromiso dunha nova reunión co secretario de Estado". Nesta, engadiu Rey Varela, haberá "unha formulación para Ferrol a curto prazo por parte do Ministerio".
Con todo, para o alcalde da cidade naval a parte negativa é que "non se concretou ningunha actuación de mellorar a liña de ferrocarril e non existen plans a curto prazo, salvo a variante de Betanzos".
"É case coma se Ferrol non existise", afirmou José Manuel Rey, que, no entanto, puxo en valor que tanto el como os portavoces puidesen explicar "con moito detalle por que Ferrol merece ser tratada como o resto de cidades de Galicia e as principais cidades de España".
Neses sentido, avanzou que seguirán "traballando para conseguir unha conexión de ferrocarril do século XXI porque Ferrol o merece e porque Ferrol non se rende". Tras o encontro co representantes do Ministerio, a comitiva reúnese ao longo desta tarde e por separado cos grupos parlamentarios do Partido Popular, PSOE, Sumar e co BNG para trasladarlles as súas demandas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.