Adeus ao gran hospital galego de Montevideo vendido en subasta a un grupo católico

O Goberno de Uruguai interviñera Casa de Galicia hai oito meses e Feijóo xustificou a vía para que o hospital seguira sendo "independente", algo que non aconteceu.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/06/2022 | Actualizada ás 10:14

Comparte esta noticia

Un dos grandes referentes sanitarios da comunidade galega en Uruguai deixou de existir. o Sanatorio da exmutualista Casa de Galicia foi subastado por 15,3 millóns de dólares e o novo dono é o Círculo Católico. 

Sanatorio Casa de Galicia
Sanatorio Casa de Galicia | Fonte: CASA DE GALICIA - Europa Press.

A poxa tivo lugar na Bolsa de Comercio este pasado mércores e tiña un prezo base de 12.750.000 dólares, segundo informou El Observador. A empresa rematadora a cargo foi Bavastro Remates e a operación estivo supervisada por Fernando Cabrera, xerente de Servizos Xurídicos da liga de Defensa Comercial (Lideco). A presidenta do Círculo Católico, Cecilia López Collazo, destacou tras mercar o hospital galego que este novo paso é "un enorme desafío" e unha "responsabilidade" que asumen desde a mutualista. 

"O día de mañá (por este xoves) imos sentar a traballar sobre ese proxecto. Nós como institución temos 137 anos, somos unha mutual igual que o era Casa de Galicia. Temos plans que veñen desde hai moito tempo, o peche dalgunha maneira de Casa de Galicia modificou algunha das estratexias que viña tendo a nosa institución, porque claramente cambiou o sistema e recibimos 18.000 socios co cal nosa masa de asociados creceu en forma rápida", sostivo. 

O Goberno uruguaio intervira a institución a finais de outubro pasado. A institución mutual médica Casa de Galicia foi creada por emigrantes galegos máis dun século atrás, en 1917. O motivo que alegou entón o Ministerio de Saúde Pública do país para xustificar o paso é o "alto nivel de endebedamento" e os anos de perdas acumulados a pesar das axudas recibidas.

 

FEIJÓO DEFENDEU A INTERVENCIÓN

 

Preguntado por este paso,  o ex titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba hai oito meses que o confiaba na palabra do presidente uruguaio, Luis Lacalle Pou, quen defendeu a vía elixida (a intervención temporal) para evitar unir Casa de Galicia con outros centros sanitarios, algo que finalmente acabou acontecedendo.

 

Feijóo destacaba entón a importancia deste centro para a colectividade galega e os miles de mutualistas ligados ao mesmo, á vez que se remitiu ás palabras de Lacalle. "Casa de Galicia ten que ser Casa de Galicia", esgrimiu o presidente galego.   

 

Así, suliñou que había dúas opcións: a fusión con outras entidades sanitarias ou intervir temporalmente para sanear e logo devolver a "vida autónoma" á institución. "O Goberno uruguaio optou pola segunda e eu agradézoo, manter Casa de Galicia como hospital independente para proseguir a súa actividade como entidade asistencial para o futuro". Algo que, finalmente, non se cumpriu xa que a institución galega acabou vendida ao mellor postor. 

ADEUS A UNHA INSTITUCIÓN CENTENARIA

Casa de Galicia deixou de existir oficialmente o pasado marzo. Un colectivo de socios espera constituírse como unha sociedade nova para preservar o patrimonio cultural dunha institución que, entre outros bens, atesoura a famosa "Santiña" de Asorey, unha fermosa escultura que é todo un símbolo da emigración galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta