A oposición abandona a Comisión de Educación e Cultura por "trato despectivo" da presidenta, do PP

Presentan unha queixa formal e unha petición de amparo ante a Mesa da Cámara "pola arbitrariedade" e o "reiterado desprezo" de Teresa Egerique.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/06/2022 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

Os deputados da oposición, BNG e PSdeG, abandonaron a Comisión 4ª, de Educación e Cultura, en protesta polo que consideran "trato despectivo" e "reiterado desprezo" da presidenta deste órgano, a deputada popular Teresa Egerique, contra a cal presentaron unha queixa forma ante a Mesa do Parlamento galego.

Os deputados de BNG e PSdeG abandonan a Comisión de Cultura do Parlamento
Os deputados de BNG e PSdeG abandonan a Comisión de Cultura do Parlamento | Fonte: Captura - Europa Press.

A decisión da presidenta da comisión de acumular no mesmo debate dúas proposicións do BNG e do PPdeG en relación coa lingua galega en soportes dixitais, as cales contaban con formulacións diferentes, provocou a crítica airada da oposición.

Durante a comisión deste venres, Teresa Egerique defendeu que na tarde do xoves enviou un correo electrónico no que informaba de que "ía ser un debate conxunto", pois indica que como presidenta ten potestade para facelo.

"Bastante condescendiente estou a ser xa cos grupos da oposición, porque non consideran que unha decisión desta presidenta non é oportuna para iso", afirmou a popular.

O deputado do BNG Daniel Castro acusou a presidenta da comisión de estar "a mentir". "É que nos está chamando parvos", espetou. Así, todos os membros de Bloque e PSdeG presentes na sala marcháronse en sinal de protesta.

De tal forma, os deputados do PP quedáronse sós para votar as propostas. A do Bloque foi rexeitada e a do PP foi aprobada cos votos dos populares para instar a Xunta a tomar medidas para favorecer o acceso a formatos dixitais de obras en galego.

Posteriormente, o Grupo Socialista informou da presentación dunha queixa formal ante a Mesa da Cámara "pola arbitrariedade" na dirección por parte de Egerique ao acumular dúas iniciativas "sen apenas semellanzas".

Igualmente, o Bloque presentou unha petición de amparo á Mesa do Parlamento ante o "reiterado desprezo" da presidenta da comisión e "un uso partidista" das súas funcións.

Pola súa banda, nun comunicado, Egerique lamentou "o desagradable episodio protagonizado por BNG e PSdeG", mentres espera que sexa "un caso puntual" e anima a oposición a "manter as formas durante o debate e a respectar as normas da Cámara".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta