O paradoxo dun sindicalismo de costas á clase traballadora

"A liberdade só para os que apoian o goberno; só para os membros dun partido (por numeroso que este sexa) non é liberdade en absoluto. A liberdade é sempre e exclusivamente liberdade para quen pensa de xeito diferente".

Por Fermín Paz | As Pontes | 15/06/2022

Comparte esta noticia
O grao de maior representatividade sindical no Estado Español, obtense a través de dúas vías – o apoio electoral e a irradiación- e en dous ámbitos diferenciados -o estatal e o de Comunidade Autónoma. Co primeiro criterio, o dos avais electorais, son máis representativos aqueles sindicatos que, segundo os resultados das eleccións sindicais, acreditan polo menos un 10% dos representantes unitarios dos traballadores (membros de comités de empresa, delegados de persoal ou órganos semellantes da Administración Pública), no ámbito estatal; así como aqueles sindicatos que obteñen polo menos un 15% dos representantes unitarios dos traballador@s no ámbito dunha comunidade autónoma, cun mínimo de 1.500 representantes. O segundo ( a irradiación), serve para ter dita condición, só pola pertenza a unha organización sindical considerada mais representativa dacordo o primeiro criterio.
 
A representatividade sindical tal e como vén funcionando serve fundamentalmente o sistema, mais non, a clase traballadora. É necesario comprender como se foi estruturando o hexemonismo sindical de CCOO e UGT que ten como soporte o marco legal , a través do Estatuto dos Traballadores, a Lei Orgánica de Liberdade Sindical e o Real Decreto 1844/1994 regulador das Eleccións Sindicais.
 
Compre dicir que, no dereito comparado hai outras formulas para medir dita representatividade. Non vou facer unha análise dás cuestións centrais do sistema electoral sindical español, senón da utilización que as devanditas centrais sindicais están a facer das votacións nas fabricas e nos centros de traballo. Estou convencido de que se nalgún tempo foi necesario falar destes asuntos, ese tempo, é hoxe
 
O período de asimetría no que a clase traballadora acadou taxas altas de desemprego na adaptación do aparello produtivo ás necesidades do capital e ás demandas de homologación europeas onde os capitalistas gañaron en riqueza medible e consolidaron o seu éxito mais desexado, a unión Estado-Patronal-Sindicatos, aloxando definitivamente o perigo de confrontación na loita de clases, ao integrar aos sindicatos asinantes dos Pactos da Moncloa nunha estratexia de cooperación que chega ata a actualidade. Nin que dicir ten que nesta dinámica van saír mais prexudicados os traballadores e traballadoras de sector ou empresa mais débiles e os desempregados que loxicamente van presenciar como este sindicalismo metido de cheo en tal dinámica, vai adicarse case en exclusiva a unha acción sindical no que uns poucos (as executivas, o aparello) deciden o que é mellor e o que é posible, iso si, apoiándose formalmente nunha “democracia consentida”.
 
O bipartidismo (PP – PSOE), independentemente de quen gobernara trasladou directaménte a estes dous sindicatos o asunto da representatividade ademais da necesidade dunha maior lexitimación social para que conxuntamente coas asociacións empresariais , consensuaran acordos sobre dos temas esenciais das políticas gobernativas que, só poderían facerse sobre a voluntariedade de todas as partes e loxicamente coas compensacións correspondentes. En todo o proceso, din os investigadores deste fenómeno que, o máis difícil é a integración dos representantes dos traballadores no sistema porque presupón que para prestarse a semellante subordinación tense que facer a cambio dunhas contrapartidas satisfactorias . A clave da dinámica pactista sindical de CCOO e UGT e a iniciativa gobernamental ten unha explicación doada neste contexto.
 
A defensa político-sindical fíxose, e segue a facerse, sobre argumentos tales como o “realismo”, o pragmatismo, a defensa dos dereitos democráticos dos traballadores e a participación no ámbito socio-político e na actividade económica para tratar de garantir as conquistas acadadas pola clase traballadora na época da ditadura e logo no estado de benestar, pero en verdade, o que se garante foi, é, a paz social nas empresas e na rúa, a moderación nas reivindicacións salariais que á súa vez fixo posible unha política fiscal-económica con resultados moi discutibles desde a perspectiva d@s traballador@s
 
O mesmo Tribunal Constitucional Español resolveu que :“a maior representatividade non vulnera o dereito de liberdade sindical por canto as vantaxes que dá esta condición constitúen unha axuda extra que favorece e potencia a acción sindical, pero que non restrinxe aos restantes sindicatos de ningún instrumento esencial para o cumprimento dos seus fins. E tamen continua dicindo que, tampouco pode entenderse que quede afectado o principio constitucional de igualdade (véxase igualdade diante da lei) xa que as diferenzas que se producen entre os sindicatos realízanse a partir dunha base obxectiva- os resultados electorais- e contan cunha xustificación tamén obxectiva- a mellor defensa dos intereses d@s traballador@s con este sistema”.
 
Esta é a teoría, a realidade é ben distinta. Tal condición non é mais que, un privilexio das organizacións sindicais citadas con anterioridade grazas a unha posición xurídica singular que fixo e segue a mantelas como destinatarias de determinados dereitos e regalías fronte as demais alternativas sindicais.
 
No fondo, estes mecanismos supoñen a delegación permanente do conxunto do movemento obreiro, un fraude ao pluralismo sindical e á democracia pois todos os acordos teñen aplicación xeral e non precisan de ningún debate nin consulta. No mellor dos casos, todo se coce en pequenas estruturas lexitimadas por normativas internas, sen control dos afectados e coa blindaxe institucional. A cuestión de fondo, desde a miña perspectiva, é que a representatividade no Estado Español non pode establecerse só cunha votación cada catro años. A situación socio laboral, esixe a participación do colectivo obreiro con mecanismos referendarios ou asemblearios (antes de asinar calquera acordo), e deberían ter un recoñecemento obrigatorio na acción sindical pactada en cada convenio ademais da cobertura legal e nas obrigas dos sindicatos. Abofé que é unha necesidade.
 
Do cambio que todos intuímos como necesario, o sindicalismo non debe nin pode ficar fóra da mudanza que está acontecendo no plano industrial e social, mais tampouco descoñecer ou negar a importancia deste debate. Para min é , dunha certa semellanza o derrube e substitución do sindicato vertical no remate da ditadura, aínda que sexa por motivos diferentes ( a precisión é obrigada para non caer no confusionismo) . É unha necesidade dá clase traballadora combater este modelo sindical oblicuo (por cualificalo dun xeito diferenciado ao vertical), instalado na representatividade universal e sen ningún control d@s representad@s.
 
En pura lóxica, as estruturas sindicais que forman parte do aparello institucional serán mais resistentes a perder os privilexios. En analoxía co bipartidismo no Estado Español,
 
o hexemonísmo sindical é un mecanismo de control sistémico nas relacións laborais. Aínda que algúns pretendan negalo cunha formulación simplista, coa falacia, “os resultados das eleccións sindicais mostran a confianza dos traballadores nos sindicatos”. Tal afirmación non deixa de ser unha xustificación do mesmo calado á estratexia que mantivo tanto o PP como o PSOE, durante tanto tempo para negar a necesidade dun cambio real. É un feito que, o movemento obreiro ten perda crecente da credibilidade como consecuencia do papel desempeñando tanto por UGT como CCOO desde 1978 (a data das primeiras eleccións sindicais) e que afecta indirectamente aos demais sindicatos e o conxunto das relacións laborais no Estado e na Galiza.
 
Ambas-las dúas organizacións sindicais non están dispostas a perder o súa posición institucional e, cando queren afrontar calquera crise de empresa, unha remodelación industrial ou negociar cambios lexislativos, están incapacitados para facelo (coa excepción de que as súas bases queiran resitualos nunha acción sindical moi diferente).O PARADOXO É QUE SON PARTE DO SISTEMA E COMO TAL FORMAN PARTE DO PROBLEMA E DIFICILMENTE DA SOLUCIÓN. Sobre esta conclusión, no caso de ser compartida, deberíase facer un chamado ao conxunto do movemento obreiro e a algunhas das outras organizacións sindicais para que o asunto forme parte da súa axenda e dunha campaña de loita nos vindeiros meses para o cambio do modelo normativo. Se non sabemos o que facer, como facelo e con quen, o futuro pinta mal para o sindicalismo e para @s traballador@s. Pode que o primeiro paso non nos levará a onde queremos chegar pero sairemos de onde nos atopamos.
 
A representatividade acadada pola Confederación Intersindical Galega (CIG),debería servir para empurrar na dirección dunha maior democratización do mundo do traballo. Hai outras alternativas sindicais que falan exclusivamente da lexislación electoral e dunha representatividade medida doutro xeito ou baixando o listón das esixencias porcentuais, seguramente para acadar o recoñecemento que polo de agora non teñen. No meu entender a prioridade é outra. O sindicalismo precisa doutra mirada nas relacións laborais do conxunto da crase obreira. Para facer o mesmo,teño moitas dúbidas da prioridade que ten para os traballador@s o número de sindicatos que os representen. A CIG debe seguir explorando e propoñendo novos procesos primeiro de confluencia unitaria e logo de unificación con outras alternativas sindicais actuantes na Galiza. Dito proceso no sindicalismo nacionalista galego non rematou e si antes, foi posíbel e positivo, agora deberíase seguir polo mesmo camiño.
 
Si, precisamos tanto da auga para a vida como de novas formulacións democráticas e de participación. Hai que impulsar e facer trocos no conxunto do andamiaxe legal sen esquecernos da lagoa escura e deshonesta na que, unha parte da representación elixida é posta a dedo pola patronal e logo utilizada no seu antollo ( delegad@s de “changüi”). É unha necesidade e prioridade para movemento obreiro no seu conxunto.
 
Máis cedo que tarde, as estruturas -e as bases sindicais- ben por obrigación ou convencemento-, chegarán a unha conclusión semellante porque a acción sindical é cada día mais esixente. Os sindicatos a nivel español mais representativos teñen moitas debilidades e os demais sindicatos, aínda que pretendan facerse ouvir nas fabricas e nas rúas, teñen moi difícil a tarefa por culpa desta institucionalización amañada na representatividade sindical
 
 
Nota.-Alén dos sentimentos polos meus vivires no colectivo obreiro,manteño unha vinculación á CIG, botando unha man cando son chamado a participar e contribuíndo cunha cota como traballador que percibe unha pensión de xubilado (fago esta precisión para non agocharme tras dalgunha bandeira de conveniencia).
 

Protesta de traballadores do estaleiro vigués Metalships.. CC.OO. VIGO
Protesta de traballadores do estaleiro vigués Metalships.. CC.OO. VIGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.