O PPdeG a BNG e PSdeG: "Quen pactan cos que falan de violencia intrafamiliar? Vostedes"

O Parlamento volve pedir a Interior un concurso de méritos que cubra vacantes na Policía Autonómica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/06/2022 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O Parlamento autonómico aprobou, cos votos de PP e PSdeG e a abstención do BNG, unha nova inciativa para que a Xunta solicite ao Ministerio do Interior un concurso de méritos que permita cubrir as 500 prazas da Unidade de Policía Adscrita en Galicia.

A encargada de defender a proposición non de lei (PNL) foi a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, quen explicou que a Policía Autonómica, desde a súa creación en 1991, "nunca estivo tan deficitaria" como agora, co 73 por cento do medio milleiro que ten consignados para atender competencias como a custodia das vítimas de violencia de xénero.

Así, a pesar das declaracións do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, cando a pasada semana nun acto en Santiago prometeu que o reforzo dos axentes adscritos estaba "preto", Prado dixo que "para nada" ve esa "intención". Paloma Castro (PSdeG), a pesar do apoio do seu grupo á PNL, defendeu que o ministro do Interior xa manifestou a súa "vontade" de cubrir estas vacantes. Ademais, a socialista ironizou con que esta iniciativa dos populares provocoulle un "déjà vu", porque xa fora aprobada en comisión.

Nesta liña, Iago Tabarés (BNG) afeou ao PPdeG que "por cuarta vez" se debata na Cámara esta PNL, porque "cuestiona a validez dos acordos en comisión", e que siga "mentindo". Así mesmo, os nacionalistas presentaron emendas ao texto --que foron rexeitadas-- para, entre outras cuestións, crear unha Policía Galega conforme á lei que en 2007 impulsou o Goberno bipartito capitaneado por Emilio Pérez Touriño.

VIOLENCIA MACHISTA

A oposición aproveitou o debate desta PNL para criticar aos populares os seus acordos con Vox. "Por que, se tanto lles preocupa a violencia de xénero, pactan con forzas políticas que a negan?", preguntoulles Tabarés (BNG). Na quenda de peche, Prado defendeu que o PPdeG só pacta "cos galegos na urna" e contraatacou con outra pregunta: "Quen pactan cos que falan de violencia intrafamiliar? Vostedes".

Como argumento, a secretaria xeral do PPdeG esgrimiu o acordo de investidura asinado en 2016 entre o líder do PSOE, Pedro Sánchez, e o de Cs, Albert Rivera, que incluía redactar "unha lei de violencia familiar" --aínda que o texto tamén contiña medidas contra a violencia de xénero--. "Ríanse, pero os da violencia intrafamiliar son vostedes", replicou Paula Prado, para afear ao BNG o seu apoio a Sánchez na investidura do 2020.

Parlamento galego / Europa Press. / Europa Press
Parlamento galego / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xanico

A concepción da policia Autonómica, é pouco flexible en canto a selección de personal e a longo prazo deficitaria. Como representación en desfiles non está mal.