Radiografía dos incendios no maior parque natural de Galicia: máis de 10.000 hectáreas arrasadas en cinco anos

Os lumes cebáronse especialmente nos concellos de Lobios e Muíños, segundo novos datos dos incendios forestais no Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés entre os anos 2016-2020. As masas forestais máis afectadas foron as carballeiras.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/06/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Ourense é a provincia que máis arde no Estado. E dentro desta, o Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés, o máis grande de Galicia, é un espazo especialmente castigado polos incendios forestais, con Lobios e Muíños como os concellos máis golpeados polos lumes nos últimos anos. Investigadores do Grupo Xeotecnoloxías Aplicadas (XeoTech), do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) e do Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo veñen de presentar os datos dun estudo no que analizaron os incendios ocorridos na Baixa Limia - Serra do Xurés entre os anos 2016 e 2020.

Un brigadista loita contra o lume no Xurés.
Un brigadista loita contra o lume no Xurés.

Os resultados amosan non só que “Lobios e Muíños foron os concellos máis afectados polos incendios forestais” nese período de tempo; a análise espacial mostrou que “os bosques caducifolios compostos principalmente por carballos foron os máis afectados en 2017”, durante a gran vaga de lumes que arrasou case 50.000 hectáreas do territorio galego; detrás destes, as masas de coníferas, compostas principalmente por piñeiros, foron as segundas máis impactadas polos lumes, especialmente en 2016.

“Esta área rexistra incendios forestais todos os anos, polo que está catalogada como zona de alta actividade de lumes"

“A distribución dos incendios forestais en Galicia non é aleatoria”, explican os autores do estudo, que aplicaron unha metodoloxía para detectar zonas queimadas e analizar os tipos de cobertura forestal e de uso do solo nas zonas que arderon neste parque natural entre 2016-2021, para o que se valeron de imaxes do satélite Sentinel-2, da Axencia Espacial Europea. “Os datos dos satélites xogan un papel importante na subministración de coñecemento sobre incendios, ao proporcionar información rápida para mapear as áreas danadas polo lume con precisión e rapidez. Ademais, a dispoñibilidade de datos a grande escala e a alta resolución temporal que ofrece o satélite Sentinel-2 permiten clasificar e determinar os cambios na cobertura terrestre con gran precisión”, describen os responsables desta investigación.

Os científicos aplicaron así a súa metodoloxía de análise ao Parque Natural da Baixa Limia - Serra do Xurés, catalogado como Zona de Especial Conservación (ZEC) e que, xunto a veciño Parque Nacional Peneda-Gerês (Portugal) conforma o núcleo da Reserva da Biosfera Transfronteriza Gerês-Xurés. As análises aplicáronse a unha superficie de 71.287 hectáreas que abranguen nove concellos que están catalogados como zonas de alto risco e clasificados nun índice de risco potencial moi elevado: Entrimo, Lobios, Bande, Muíños, Lobeira, Padrenda, Quintela de Leirado, Verea e Calvos de Randín.

Incerdio no Xurés corta unha estrada
Incerdio no Xurés corta unha estrada | Fonte: Axentes MM CCOO

“Esta área rexistra incendios forestais todos os anos, polo que está catalogada como zona de alta actividade de lumes, con máis de 65 incendios entre 2016 e 2020”, comentan os científicos.

10.681 HECTÁREAS CALCINADAS

Os datos do estudo sinalan que a superficie total queimada entre 2016-2020 representa o 15 % da área analizada, isto é, 10.681,78 hectáreas arrasadas. Os maiores incendios concentráronse case na súa totalidade nos anos 2016 e 2017, con arredor de 4.000 hectáreas queimadas cada ano. De toda esta área, a zona sur, limítrofe con Portugal, foi a máis afectada, rexistrándose incendios todos os anos.

Detalladamente, no ano 2016 foron calcinadas 3.955,11 hectáreas; no 2017, 3.813,83 ha.; en 2018, 48,12 ha.; en 2019, 563,02 ha., e en 2020, 2.,864,72 ha.

Das 10.681,78 hectáreas arrasadas entre 2016-2020, un total de 7.760 arderon nos anos 2016 e 2017

En canto ao tipo de cobertura e uso do solo, observouse que nos anos 2016 e 2017, o bosque caducifolio era a clase con maior superficie, ocupando un total de 20.754 hectáreas (29% da superficie total de estudo) e 26.550 hectáreas (37% da superficie de estudo), respectivamente. Non obstante, desde 2018 a superficie ocupada polo bosque caducifolio foi diminuíndo anualmente, ata un total de 7.020 hectáreas no ano 2020, o que supón tan só o 9,85% da superficie total analizada.

Pola contra, a matogueira aumentou a súa superficie de 7.341 hectáreas (10% da superficie de estudo) en 2016, a 28.278 hectáreas (40% da superficie de estudo) en 2020. Tamén se observaron “cambios significativos” nas coníferas, que en 2016 ocupaban 15.728 hectáreas (22% da superficie total), descendendo a 6.594 hectáreas (9,25% da superficie) en 2017, aumentando en 2018 a 11.626 hectáreas (16% da superficie de estudo) e volvendo diminuír ata 4.614 hectáreas en 2019 e 4.487 (6% da superficie de estudo) en 2020. Segundo os autores do estudo, a precisión do seu método variou entre o 80 e o 85 % durante os cinco anos de estudo, polo que os datos poden non ser totalmente precisos, pero si achegan unha visión moi aproximada da realidade.

“Segundo os resultados obtidos, as imaxes de Sentinel-2 permiten a clasificación de tipos de cobertura forestal e de uso do solo das principais clases presentes na área de estudo cun alto nivel de precisión. O bosque caducifolio foi a clase con máis presenza no primeiro ano, ocupando o 37,27% da área de estudo: non obstante, despois de cinco anos e cando se produciron os incendios forestais, a matogueira converteuse no tipo con máis superficie, ocupando o 39,69% da área toral de ​​estudo e, como consecuencia, o bosque caducifolio diminuíu un 19,2% a súa superficie”, resumen os autores do estudo, para quen estes datos son “importantes”, xa que ese aumento da matogueira implica maior combustible forestal para os incendios, de xeito que os peores incendios adoitan ser os que teñen maior carga e continuidade de matogueira baixo arborado.

Aínda que toda a área sufriu lumes, os maiores incendios no período de estudo ocorreron no ano 2016, afectando 3.952,5 hectáreas, segundo indican os investigadores: “Localizouse na zona sur, especialmente nos concellos de Entrimo e Lobios. As maiores superficies queimadas foron rocha e bosque de coníferas, con 1.275 e 1.220 hectáreas, respectivamente. Así mesmo, tamén arderon 661,92 hectáreas de bosque caducifolio e 424,2 de bosque mixto, particularmente no incendio localizado na zona leste do concello de Muíños”.

2020 foi o terceiro peor ano, con 2.862 hectáreas queimadas, situadas na zona sur, sendo Lobios o concello máis afectado, con case a totalidade, 2.700 hectáreas

En 2017, cando Galicia viviu unha das peores vagas de incendios das últimas décadas, os lumes afectaron un total de 3.811,25 hectáreas nesta área, afectando particularmente os concellos de Lobios e Muíños. “As maiores superficies queimadas situáronse na zona sur do Parque Natural e foron principalmente bosque caducifolio e rochedo, cun total de 1.466 e 1.100 hectáreas, respectivamente; ademais, arderon tamén 482 hectáreas de bosques de coníferas e 509 ha de matogueira”, enumeran.

En 2018, os incendios foron menores en comparación cos demais anos, con só 48,12 hectáreas ardidas, afectando os concellos de Lobios, Lobeira e Muíños, en zonas cubertas principalmente por matogueiras e bosque mixto.

En 2019, os maiores incendios foron localizados nos concellos de Lobeira e Padrenda, no centro e norte da zona de estudo. A superficie queimada ocupou 562,4 hectáreas, das que 256,04 estaban cubertas por matogueira e 120,95 por monte mixto. “Ademais”, engaden, “o incendio forestal localizado no concello de Lobeira produciuse a un quilómetro do incendio de 2018”.

En 2020, os incendios forestais arrasaron 2.862 hectáreas. As zonas queimadas situáronse na zona sur e “Lobios foi o concello máis afectado, con 2.700 das 2.862 hectáreas queimadas”. A principal clase presente na zona foi a matogueira, da que arderon 1.211 hectáreas.

CONCELLOS MÁIS AFECTADOS

En conxunto, durante estes últimos anos, Lobios e Muíños foron os concellos máis afectados polos incendios forestais entre 2016 e 2020, mentres que Quintela de Leirado e Verea non rexistraron lumes en ningún ano do estudo. E os bosques caducifolios, compostos principalmente por carballos, foron os máis afectados na vaga de 2017, ao contrario do acontecido en 2016, cando os grandes lumes afectaron máis os bosques de coníferas e superficie rochosa. Pola contra, as áreas de prado e pasto foron os tipos de solo con menos hectáreas queimadas, a excepción de 2017, que superaron a superficie queimada de bosque mixto.

Os bosques caducifolios, compostos principalmente por carballos, foron os máis afectados, seguidos de bosques de coníferas, compostos principalmente por piñeiros

En resumo, “a nosa metodoloxía concluíu que Lobios e Muíños foron os concellos máis afectados do Parque Natural; ademais, a análise espacial das especies arbóreas determinou que os bosques caducifolios, compostos principalmente por carballos, foron os máis afectados polos incendios forestais, en 2017, seguidos de bosques de coníferas, compostos principalmente por piñeiros, en 2016, aínda que a matogueira e zonas rochosas son os tipos máis afectados polo lume en todo o período de estudo”, conclúen os expertos, que consideran que “os resultados deste estudo teñen un interese especial para a xestión forestal, en particular, para xerar unha base de datos que inclúa as clases queimadas en cada incendio, para que poida ser analizada nun período de estudo máis longo”.

Os resultados do estudo veñen de ser presentados este mes de xuño no XXIV Congreso da International Society for Photogrammetry and Remote Sensing, celebrado en xuño deste ano.

CAMPO DE PROBAS PARA A “XESTIÓN INTELIXENTE DO FOGO”

A importancia medioambiental deste parque natural e os impactos dos lumes levou a un grupo de investigadores do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro de investigación CIBIO/InBIO da Universidade do Porto (Portugal) a facer un estudo no que se evidenciou que as políticas agrícolas que protexan e favorezan as actividades agropastorais nesta zona poderían reducir ata un 50% as áreas afectadas polos grandes incendios previstos entre 2030 e 2050.

Esta investigación sinala a “xestión intelixente do fogo” (fire-smart) a escala de paisaxe como solución ao impacto dos incendios forestais, garantindo simultaneamente a conservación da biodiversidade e de fornecemento de servizos ecosistémicos para as próximas décadas na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.

Segundo Adrián Regos, coordinador do estudo, a “xestión intelixente do fogo” ten como obxectivo “controlar o réxime de incendios a través de intervencións na configuración da vexetación que favorezan paisaxes mais resistentes e resilientes ao fogo, ao tempo que aseguren a conservación da biodiversidade e dos servizos ecosistémicos”.

"Políticas que protexan e favorezan actividades agropastorais nesta zona poderían reducir ata un 50% as áreas afectadas polos grandes incendios forestais"

Neste caso, os investigadores simularon a evolución da paisaxe mediante modelos matemáticos de acordo con diferentes estratexias de xestión do territorio para as próximas décadas (2020-2050) e analizaron os seus potenciais impactos no réxime de incendios, no secuestro e almacenamento de carbono, e na dispoñibilidade de hábitats para 116 especies de aves, anfibios e réptiles.

A investigación, afirman, “demostra como políticas agrícolas que protexan e favorezan as actividades agropastorais nesta zona (revertendo a actual tendencia de abandono rural) poderían reducir ata un 50% (10.000 hectáreas) as áreas afectadas polos grandes incendios forestais previstas entre 2030 e 2050 de acordo co réxime de incendios histórico”. 

Ademais de mitigar o impacto dos grandes incendios forestais, sosteñen que “este xiro nas políticas agrícolas aseguraría a dispoñibilidade de hábitats de especies protexidas e ameazadas ao longo das próximas tres décadas, e combinada cunha conversión gradual de plantacións forestais cara masas forestais máis resistentes ao fogo (dominadas por bosque nativo caducifolio, como as carballeiras) contribuiría a un aumento no secuestro de carbono (un aumento de cerca de 3,5 Tg C entre 2020 e 2050), é dicir, na regulación climática”.

Segundo os autores deste traballo, resulta "evidente a necesidade de políticas de xestión preventivas, integrais e intersectoriais" para reducir o impacto dos incendios, explorando "solucións sostibles e socio-economicamente viables" en áreas fortemente afectadas polo abandono rural e a alta recorrencia de incendios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta