A CIG fala de "éxito" da folga nas liñas de Monbus entre A Coruña e Ferrol

Protestan contra "os abusos laborais, os despedimentos e a deterioración do servizo".

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 21/06/2022 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

A CIG destacou o "éxito" da folga en liñas de Monbus convocada nas liñas entre A Coruña-Betanzos-Ferrol e o transporte escolar de Ferrolterra, unha mobilización contra "os abusos laborais, os despedimentos e a deterioración do servizo". O sindicato afirma que "o 100% do persoal da UTE do grupo Monbus que fai o servizo regular entre A Coruña-Betanzos-Ferrol están secunando a folga". En concreto, indica que "só están a funcionar os servizos mínimos".

Concentración da CIG polo despedimento dun traballador de Monbus
Concentración da CIG polo despedimento dun traballador de Monbus | Fonte: CIG.

Con todo, sinala que no caso do transporte escolar de Ferrolterra "o persoal condutor e o acompañante non puido exercer o seu dereito a folga, xa que a Consellería de Educación decretou uns servizos mínimos do 100%".

Ademais, coincidindo coa folga, a CIG realizou unha concentración ante os xulgados de Ferrol con motivo do xuízo polo despedimento dun traballador, que o responsable de Transportes deste sindicato, Xesús Pastoriza, vinculou cunha "represalia sindical" por ser membro do comité.

Así mesmo, o sindicato denuncia falta de persoal e sobrecarga de traballo, á vez que reprocha "pasividade" da Xunta, á que achaca "responsabilidade" nesta situación.

RESPOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou que os servizos directos de transporte de autobús entre A Coruña e Ferrol "teñen unha calidade moito maior que antes" en canto a que "se incrementaron de maneira substancial e ademais a tarifa dos usuarios é moito máis económica".

"Estamos a falar dun conxunto de liñas totalmente renovado e modernizado, dentro do plan de transporte público de Galicia", insistiu a conselleira.

Vázquez engadiu que a rede galega "contrasta" co mapa de concesións do Goberno de España que está "a suprimir paradas e servizos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta