A CIG esixe "depurar responsabilidades" polo masacre en Melilla e chama a mobilizarse este venres

O Foro Galego de Inmigración e SOS Racismo convocan concentracións en varias localidades galegas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2022 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

A CIG esixe unha "investigación" por parte das institucións internacionais de dereitos humanos sobre as persoas migrantes que perderon a vida por tentar saltar o valo que separa Melilla de Marrocos para así "depurar as responsabilidades oportunas".

Así, a central nacionalista chama a participar nas mobilizacións convocadas polo Foro Galego de Inmigración e SOS Racismo este venres 1 de xullo en varias localidades galegas para denunciar o "asasinato de 37 persoas", tal e como estiman a ONG, "a mans das forzas represivas marroquís". A xuízo da organización sindical, as imaxes difundidas en redes sociais "son un verdadeiro crime polo que os responsables deben ser xulgados por un tribunal internacional".

A CIG critica nun comunicado que "en plena euforia e propaganda" polo cume da OTAN que se celebra estes días en Madrid, á vez que manifestacións na súa contra, "o imperialismo mostra, unha vez máis, a súa verdadeira cara" co ocorrido o venres en Melilla.

E é que, segundo denuncia a central, a Unión Europea e os estados que a compoñen "está subordinada, no plano económico, aos intereses do gran capital, e na súa estratexia xeopolítica aos do imperialismo colonial, opresor e belicista" de Estados Unidos e das potencias occidentais, "das que a OTAN é a súa principal garantía e instrumento".

Ademais, a CIG critica que se poñan "muros" para quen, "froito da desesperación, busca outras alternativas en occidente, ata provocar a súa morte en cifras escandalosas" nun suceso "cunha tinguidura totalmente racista"; á vez que se chama a "acoller á xente que foxe de Ucraína".

Por todo iso, o sindicato súmase ás peticións para abrir unha "inmediata investigación e asunción de responsabilidades", tanto por parte de Marrocos como de España. "A clase traballadora do mundo non está dividida por fronteiras, cor, relixión, xénero ou raza. Únenos a loita común contra a pobreza, o desemprego e o desarraigamento, a inxustiza e a opresión dos nosos pobos", remacha a CIG.

Un grupo de migrantes diríxese ao Centro Temporal de Inmigrantes (CETI), mentres celebran o salto do valo de Melilla, a 24 de xuño de 2022, en Melilla (España).. ANTONIO RUIZ - Europa Press
Un grupo de migrantes diríxese ao Centro Temporal de Inmigrantes (CETI), mentres celebran o salto do valo de Melilla, a 24 de xuño de 2022, en Melilla (España).. ANTONIO RUIZ - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta