Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 29/06/2022 | Actualizada ás 19:05
O Ministerio Público solicita dous anos e tres meses de prisión para o alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González Cacheiro (PP), e dous responsables dunha entidade veciñal por un delito contra a ordenación do territorio, segundo recolle o escrito de cualificación ao que tivo acceso Europa Press.
Trátase dunha causa que se segue nun xulgado de Betanzos e en relación a uns feitos que se remontan a 2015. Entón, segundo o Ministerio Público, o que era presidente da asociación veciñal 'As Peniñas' "a propósito da ausencia de autorización autonómica e/ou licenza urbanística municipal e da ilegalidade da obra, promoveu" a construción dun edificio multiusos de carácter dotacional.
Fiscalía engade que, a partir de 2016, o novo presidente, "proseguiu, a propósito da súa ilegalidade, na promoción do citado inmoble". "A obra foi avanzando ata cando menos o 30 de outubro de 2018, momento no cal a construción xa pertencía ao concello de Oza-Cesuras en virtude dun contrato administrativo de cesión gratuíta", engade.
Ese contrato foi asinado polo entón presidente da entidade veciñal e o alcalde, quen "a propósito da súa ilegalidade, igualmente continuou na promoción inmobiliaria dando continuidade á construción". Tamén afirma que as obras "non son legalizables, en tanto que son incompatibles co ordenamento urbanístico".
Xunto á pena de prisión, pide, nunha causa aínda sen data de xuízo, inhabilitación especial para o exercicio do dereito de sufraxio pasivo por igual tempo e inhabilitación especial para exercicio de profesión ou oficio relacionadas coa construción, dirección técnica, ou promoción inmobiliaria por tempo de tres anos, ademais da demolición da obra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.