Por gcdeportes | Pontevedra | 14/08/2014 | Actualizada ás 01:42
“O importante era o apoio ao fútbol base”, dixo o presidente celeste, Carlos Mouriño. Pero expresouno mellor o deportivista Juan Domínguez, nos micrófonos da TVG: “O importante é que medre o fútbol da terra, que xa o está a facer”.
Pero un derbi sempre é un derbi, aínda que sexa amigable, e xogouse, sobre todo o primeiro tempo, con moita intensidade. O Celta foi superior ao Dépor, e venceu 2-0 con goles de Nolito e Larrivey no segundo tempo. Chegou sen dúbida máis rodado o equipo do Toto Berizzo, cun once semellante ao do ano pasado, coas fichaxes de Planas e Larrivey e un emerxente Borja Fernández no medio centro.
O Deportivo aliñou moitos teóricos suplentes, e incluso algúns dos que se dan por descartados por Víctor Fernández: Seoane, Juan Carlos, que foi un dos mellores, e Arizmendi. Wilk estivo no medio centro, pero o polaco parece que xa fixo mudar de opinión ao técnico.
O Celta saiu presionando e recuperando con facilidade, e as ocasións non tardaron en chegar. A mellor celeste foi un man a man de Nolito, que Fabricio desbaratou. A mellor dos deportivistas, un remate de Toché preto do pau tras centro de Isaac Cuenca. Larrivey tivo dúas boas ocasións coa testa, pero ao lecer chegouse con 0-0 a pesares da superioridade celeste.
O Dépor fixo sete trocos, e nada máis principiar o segundo tempo chegou o 0-1 de Nolito, tras un erro no pase de Juan Domínguez. Houbo un penalti claro de Jony sobre Luisinho, pero o árbitro non o sinalou. Chegou o carrusel de trocos nos dous equipos e o partido baixou o ritmo. A sentencia chegaría no 73: extraordinario Nolito na recuperación, regateou e abriu para Orellana, que serviu o centro para que Larrivey fixese o 0-2. Nos últimos minutos, a posesión foi do Dépor, pero sen ter chegadas claras á área de Sergio.
Os dous equipos galegos de Primeira disputarán un derradeiro amigable de preparación o vindeiro sábado: o Celta recibe en Balaídos o Cagliari no Memorial Quinocho e o Deportivo viaxará para enfrontarse ñá Ponferradina.
Ficha técnica
Deportivo: Fabricio (Lux, min. 45); Seoane (Cardoso, min. 82), Álex Bergantiños (Lopo, min. 45), Insua (Iago, min. 80), Canella (Luisinho, min. 45); Arizmendi (Cavaleiro, min. 45), Wilk (Remeseiro, min. 62), Juan Carlos (Juan Domínguez, min. 45), Isaac Cuenca (Laure, min. 45); Lucho Fariña (José Rodríguez, min. 45) e Toché (Borja, min. 62).
Celta: Sergio, Jonny, Cabral, Fontás, Planas (Hugo Mallo, min. 57), Borja Fernández (Goldar, min. 81), Álex López (Madinda, min. 67), Krohn-Dehli (Sergi Gómez, min. 88), Orellana, Nolito (Santi Mina, min. 86) e Larrivey (Charles, min. 83).
Goles: 0-1: Nolito (minuto 48). 0-2: Larrivey (73')
Árbitro: Iglesias Villanueva. Amarelas a Fontás (37'), Orellana (58') e Seoane (76').
Incidencias: estadio municipal de Pasarón, case cheo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.