Special Olympics Galicia completa a peregrinación a Santiago

Persoas con discapacidade intelectual completaron este domingo o Camiño.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/07/2022 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

Preto dun milleiro de persoas participaron este domingo na festa final da peregrinación de persoas con discapacidade intelectual que organizou Special Olympics Galicia. A peregrinación, que se desenvolveu a través de sete rutas que partiron a pasada fin de semana desde distintos puntos de Galicia, finalizou cunha etapa simbólica tras chegar este sábado á Praza do Obradoiro.

Recepción aos participantes do Special Olympics Galicia
Recepción aos participantes do Special Olympics Galicia | Fonte: Xunta de Galicia.

Esta última etapa partiu desde o Monte do Gozo para chegar á Praza da Quintana, onde os participantes e as súas familias foron recibidos polas autoridades. Ademais, a organización fixo entrega das medallas Special Olympics Galicia.

Entre as autoridades, o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, que na súa intervención puxo o foco no "carácter dinamizador" deste tipo de actividades na vida diaria das persoas con discapacidade intelectual.

Tamén valorou positivamente o traballo das entidades de acción social cubrindo as súas necesidades, ao mesmo tempo que fomentan no colectivo a práctica deportiva e hábitos de vida saudable.

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que percorreu o tramo entre a Alameda e a Praza da Quintana, defendeu o papel "fundamental" do deporte como ferramenta de "integración e visibilización".

Así mesmo, a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, sinalou que á sociedade, "aínda que xa avanzou de maneira considerable na inclusión social", "aínda queda moito por camiñar neste percorrido".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta