A Xunta afea a postura do goberno de Santiago sobre pisos turísticos e lémbralle que pode prohibilos

Turismo confirma que ata a data visitaron Galicia 1,7 millóns de turistas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2022 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, lamentou a postura que mantén o goberno municipal de Santiago de Compostela sobre a xestión das licenzas dos pisos turísticos e lembroulle que o decreto autonómico dá potestade ás corporacións locais para "prohibir" este tipo de aloxamentos.

A preguntas dos medios este xoves en Santiago, a responsable da axencia autonómica de Turismo no Goberno galego incidiu en que a Xunta dá de baixa as vivendas que contan con decisións xudiciais na súa contra, pero que non pode aplicar estes fallos ao conxunto dos pisos turísticos.

"Unha persoa particular non representa o conxunto", aseverou Castro, antes de lamentar o "posicionamento" do Concello de Santiago, con quen di manter abertas as vías de diálogo e de colaboración. En todo caso, lembrou ao goberno santiagués que o decreto autonómico recolle a posibilidade de que os concellos limiten este tipo de vivendas a través do pleno municipal.

ESTIMACIÓNS TURÍSTICAS

Por outra banda, Castro mostrou a súa confianza en que a ocupación turística de Santiago alcance durante os días centrais das festas do Apóstolo cifras similares ás do fin de semana do festival O Son do Camiño, cando se alcanzou "o 100%". Así, asegurou que ata a data visitaron Galicia 1,7 millóns de turistas, dos cales, 170.000 son peregrinos acreditados coa compostela, aínda que se estima que os camiñantes poderían ser "un 30 ou un 50% máis".

Turistas en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS
Turistas en Santiago de Compostela. EUROPA PRESS | Fonte: ELISA PIÑÓN - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta