Pontón cualifica de "estafa" os pactos entre construtoras e pide investigar se existe vinculación co derrube na A-6

Á marxe diso, o BNG pide ao Goberno da Xunta un inventario das grandes obras públicas adxudicadas nos últimos 25 anos en Galicia, incluíndo orzamentos e empresas adxudicatarias.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2022 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cualificou de "ataque á democracia" o feito de que o seis grandes construtoras do Estado leven 25 anos "pactando a licitación de obra pública", é dicir, "25 anos facendo trampa para repartirse miles de millóns de euros en contratos públicos". Así, pide un inventario das obras en Galicia.

Para a líder nacionalista, que unha presa de multinacionais "estafen un Estado durante 25 anos, marcando as súas propias regras, evidencia que o sistema democrático non funciona". Ao mesmo tempo, considera "sorprendente" que durante décadas "se producise unha estafa masiva na contratación pública sen que nin o Goberno do PP nin o Goberno do PSOE detectasen esa fraude a todos os contribuíntes".

Ao fío diso, lembrou que se acaba de derrubar un viaduto na A-6, unha ponte que levaba 20 anos en funcionamento construído, precisamente, por unha UTE integrada por dúas desas multinacionais sancionadas, FCC e ACS.

"Estamos en condicións de asegurar que esta ponte non se derrubou precisamente como consecuencia dun proceso de licitación das obras viciado e asentado nunha estafa?", preguntouse Pontón.

É máis, advertiu de que "un mes despois do derrube, ninguén asumiu responsabilidades". "E por iso denunciamos un pacto de silencio PP-PSOE para protexer os intereses que, desde logo, non son os dos galegos".

Para o BNG é "evidente" tamén que o sistema de control e sanción ante estas multinacionais "non funciona e hai que cambialo", empezando, engadiu, por incrementar as sancións para que "estafar na contratación non sexa rendible".

"A Comisión Nacional da Competencia fixo un traballo de investigación loable, pero é evidente que 204 millóns de sanción a estas multinacionais é irrisoria en comparación cos beneficios multitudinarios que obtiveron, por iso hai que aumentar as sancións ata que as multas fagan inviable a estafa", esgrimiu.

INVENTARIO DE OBRAS

Á marxe diso, o BNG pide ao Goberno da Xunta un inventario das grandes obras públicas adxudicadas nos últimos 25 anos en Galicia, incluíndo orzamentos e empresas adxudicatarias.

"Destapada a fraude, a cidadanía ten dereito a saber a contía das obras adxudicadas a estas multinacionais multadas por estafa", concluíu.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no viaduto derrubado na A-6. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no viaduto derrubado na A-6. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta