A insipidez minguante da esquerda cortesá

«Respetando a los que van a manifestaciones, la paz no es patrimonio de ellos; todos trabajamos por la paz» (Margarita Robles)

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 11/07/2022

Comparte esta noticia
A que lle chamará traballar pola paz esta ministra de Defensa que temos que padecer? Pois iso, «Antes muerta que sencilla, ay, que sencilla, ay, que sencilla», como di a canción. E despois estrañaralle á militancia socialista que Feijóo diga «al PSOE no le quitaría el sueño gobernar con los de Santiago Abascal». O dos Peares, malia ser un troleiro compulsivo, ás veces tamén lle escapa algunha verdade pola boca. 
 
Hai unha evidencia pragmática, cada día máis patente, capaz de poñer de manifesto que os asuntos importantes, os moletes preñados de retrocesión democrática, sempre os cocen os tres de marras: VOX, PP e PSOE. Amásanos, moldéanos e cócenos por esta orde os tres gardiáns das esencias patrias. E a orde aquí non é unha cuestión menor. Mal que nos pese, son demasiadas as cousas que os unen: por moito que pretendan disimular os voceiros socialistas, Sánchez pacta a diario con Vox e, co partido de Fraga, tamén. Claro que gobernan xuntos. Non hai diverxencias entre a extrema dereita, a dereita aznariana e a mal denominada esquerda española cando os a gobernación ten que ver coa defensa e protección absoluta da monarquía (antes esa esquerda era republicana), cando hai que defender a sacra unidade de España (antes era federalista), co militarismo incesante (antes era OTAN non e bases fóra) ou cando hai que tapar a masacre de Melilla e defender réximes revirados. E, os socios oficiais desa gobernación que fan? Xemen e quéixanse porque seica os desdeñan. Nada máis. Non nos enganemos, Margarita Robles cando fala exerce de voceira ideolóxica do goberno de coalición e, esquecéndose adrede do seu pasado, aplicando aquilo de «parvo es e en parvo te converterás», non ten reparo ni recato en meter no mesmo saco aos defensores da paz e ao new belicismo sanchista, mentres a nova sinistra (refírome ao aspecto), capitaneada pola nosa Yolanda Díaz, insinúa discretamente que, se hai que estar a favor de incrementar o gasto militar en 1000 millóns, estase. Iso si, sempre e cando non sexa en pólvora e mecha. Hai que goderse! Aquí non vale o discurso das prioridades, só existe o negro e o branco. Ou se está a favor dos antollos de Joe Biden ou se está en contra, non caben os matices, dona Yolanda. 
 
 [O meu tío Lisardo pensa que estamos imbuídos entre a renuncia e a desidia da militancia. Tócanos vivir tempos acugulados de amoralidade e cinismo político, onde a democracia coxea por mor da incríbel frouxidade ideolóxica dos que nos gobernan, malia aburrirnos cada instante, pronunciando a palabra esquerda.Tristemente forman parte dunha esquerda que renega cada día dos seus principios, para satisfacer os gustos ideolóxicos de Vox e do PP, coa ben pagada axuda de determinados medios sistémicos, dispostos a colaborar neste novo adoutrinamento da insipidez minguante da esquerda cortesá, sen o menor recato]. 

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz; e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, conversan no evento 'O futuro que seremos', no centro social Abanca, a 25 de outubro de 2021, en Santiago. Álvaro Ballesteros - Europa Press
A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz; e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, conversan no evento 'O futuro que seremos', no centro social Abanca, a 25 de outubro de 2021, en Santiago. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.