O PP rexeita unha proposta para destinar 200 millóns de maneira inmediata á atención primaria

A deputada do PSdeG Patricia Otero lamentou a "intransixencia" do PPdeG na negociación dunha declaración institucional en contra ao veto da pesca de fondo por parte da Comisión Europea.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2022 | Actualizada ás 19:16

Comparte esta noticia

O PPdeG rexeitou unha proposta do BNG --apoiada polo PSdeG-- que demandaba que a Xunta destine 200 millóns de forma inmediata á atención primaria co fin de aumentar en dous puntos o que achega Galicia e poder chegar á media estatal. Así mesmo, demandaba que o peso da atención primaria chegue ata o 25% do orzamento ao final da lexislatura.

Entre outros puntos, esta iniciativa tamén reclamaba un informe sobre a situación do cadro de persoal de atención primaria, así como pór en marcha un plan retorno de profesionais.

Durante a súa intervención, Montse Prado (BNG) denunciou o "caos absoluto" na atención primaria en Galicia. Así, relatou diferentes exemplos como que no Grove só hai un ou dous médicos do nove que debería haber, mentres en Sanxenxo non se cobren as vacacións ou que faltan seis profesionais en Marín, entre outros exemplos que citou.

En cambio, Encarna Amigo (PP) identificou esta proposta do Bloque na "senda de embarrar ou confundir". A deputada popular defende que houbo un incremento dos recursos achegados pola Xunta para a atención primaria. "Non imos negar que existen problemas", dixo, pero sostén que se buscan solucións, xa que "vostedes actúan de forma negativa". Así, incidiu na problemática de "escaseza" de profesionais que tamén se produce noutras comunidades.

Hemiciclo galego. Declaración institucional no Parlamento de Galicia.
Hemiciclo galego. Declaración institucional no Parlamento de Galicia.

"INTRANSIXENCIA" DO PPdeG

A deputada do PSdeG Patricia Otero lamentou a "intransixencia" do PPdeG na negociación dunha declaración institucional en contra ao veto da pesca de fondo por parte da Comisión Europea.

Segundo os socialistas, o PP "quixo imporse" ao "esixir modificar o texto para convertelo nunha declaración de adhesión" ao manifesto subscrito pola Xunta o pasado 5 de xullo, ao que os grupos parlamentarios "non foron convidados". Ademais, "sería supeditar a autonomía da cámara a un documento impulsado polo Executivo autonómico".

Otero lamenta que o PP se descolgase deste acordo para mostrar o seu "total apoio ao sector ao sector pesqueiro galego ante unha nova ameaza das institucións comunitarias".

Dáse a circunstancia de que o pleno aprobou unha proposición non de lei impulsada polo PPdeG --e tras incluír emendas da oposición-- na que empraza á Xunta a dirixirse ao Parlamento Europeo, á Comisión Europea e á DX Mare para mostrar o seu rexeitamento ás propostas normativas que supoñan unha minoración ou eliminación das artes de fondo.

SAÚDE MENTAL

Nun pleno no que o PP denegou todas as proposicións non de lei da oposición, o BNG presentou unha iniciativa para reclamar un plan específico de saúde mental para os mozos que inclúa medidas sanitarias e socioeconómicas.

O deputado nacionalista Paulo Ríos reclama unha actuación "urxente" por "a súa gravidade". Advirte de que a taxa xuvenil de suicidio é a máis alta de Estado, con 7,16 por cada 100.000. Avisa de que as políticas da Xunta "non funcionan" mentres os mozos sofren problemas como elevadas taxas de desemprego e emigración, ademais de que "hoxe un mozo que traballa é pobre"

Julio Torrado (PSdeG) lamentou a "sensación de estar a pegar contra un muro" neste tema, pois denuncia que Galicia leva anos no "podio" das comunidades con "peor cociente de profesionais da saúde mental por habitante".

Marta Rodríguez-Vispo (PPdeG) xustificou a negativa do seu grupo a esta iniciativa porque o BNG "con esta iniciativa chega dous anos tarde", pois o Goberno galego xa aprobou en xuño de 2020 un plan de saúde mental poscovid ata 2024, dotado con 83 millóns. "O que adoita chegar tarde son as citas na atención primaria para os psicólogos", replicou Paulo Ríos á deputada popular, á vez que se queixa de que os plans da Xunta "non levaron a nada".

BONO ALUGUER NOVO

O PSdeG demandou que a Xunta complete o bono estatal de aluguer para mozos cunha partida "idéntica" nos orzamentos galegos de 2023. Esta proposta tamén foi vetada polos populares. Tamén piden os socialistas un plan estratéxico para o acceso á vivenda dos mozos. Igualmente, requiren informar debidamente a orixe dos fondos deste bono aluguer novo do Estado.

E é que Noelia Otero se queixa de que a Xunta faga pasar por axudas súas os fondos achegados polo Goberno central para apoiar a mozos no aluguer. Reprocha que "non poden ser tan hipócritas de criticar unha medida" e "logo apropiarse dela". De tal forma, demanda que o Goberno galego "asuma a responsabilidade e as competencias" que ten en materia de vivenda. Alexandra Fernández (BNG) considera que "hai moito que mellorar" nesta axuda en concreto, que se debe ampliar, á vez que reclama á Xunta un plan para a emancipación de mozos galegos.

En fronte, María Begoña Freire (PP) denunciou que o Goberno "tardou catro meses" en trasladar os fondos ás comunidades para este fin, aínda que Galicia foi "unha das primeiras comunidades" en publicar a convocatoria do bono. "Se queren que se diga que o diñeiro é de Sánchez, é que non o podemos dicir, o diñeiro é de todos os españois, non é de Sánchez", afirmou.

ACORDOS XA DEBATIDOS O MARTES

Noutra orde de cousas, aprobáronse as dúas propostas do PPdeG que xa foron debatidas o pasado martes. Por unha banda, a Cámara instou, por unanimidade --ao incluír emendas de BNG e PSdeG--, a dirixirse á Comisión Europea e ao Parlamento Europeo para mostrar o rexeitamento á minoración ou eliminación das artes de fondo, á vez que se empraza a elabora estudos sobre datos científicos e impacto socioeconómico na frota.

Paralelamente, o Parlamento instou a que o Goberno central rectifique os criterios do novo mapa concesional das liñas de transporte de estrada, que prevén a eliminación de paradas, de forma que se teñan en conta as peculiaridades de Galicia. Contou co apoio do BNG e abstención do PSdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta