Sindicatos de Repsol convocan desde este venres tres días de folga

Esixen unha revalorización salarial. A compañía reafirma a súa vontade de seguir dialogando.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 14/07/2022 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

Os sindicatos de Repsol convocaron a partir deste venres, día 15 de xullo, as tres primeiras xornadas de folga para este verán para esixir unha revalorización dos salarios no marco da negociación do novo acordo marco para o grupo, "que protexa o poder adquisitivo e garanta a estabilidade real dos salarios das traballadoras e traballadores", indicou UGT.

Refinaría de Repsol
Refinaría de Repsol | Fonte: Repsol - Europa Press.

As xornadas de folga, para as que está prevista unha segunda fase de protestas os días 13, o 14 e o 15 de agosto, foron convocadas por CCOO, UGT e o Sindicato de Traballadores (STR), sumándose tamén USO. No ámbito galego, sindicatos da refinaría da Coruña confirmaron que se suman á folga de ámbito estatal.

En total, 16.000 traballadores de Repsol están chamados a secundar os tres días de folga. Este venres arrincará a protesta nos 1.000 centros de traballo que a multinacional ten repartidos por todo o Estado.

Segundo CCOO, en agosto regresará a protesta se a compañía "non entende que debe garantir o mantemento da actividade en todos os centros produtivos, sen excepcións". Ademais, os sindicatos esixen garantir o incremento dos salarios "da maneira correcta, en pleno repunte da inflación".

Este sindicato considerou que os cadros de persoal de Repsol "están dispostos a defender con paros o dereito a non perder miles de euros nun momento de incerteza inflacionista, e coa empresa dando beneficios históricos, como se puido ver esta semana".

Pola súa banda, UGT lamentou que a empresa, "malia o compromiso e responsabilidade do persoal para seguir producindo en época Covid, por ser empresa esencial, négase a pór en valor todos os esforzos realizados das súas traballadoras e traballadores, e a revalorizar na súa xusta medida as táboas salariais (conxeladas desde 2019), sendo un dos actores de máis peso á hora de subir o prezo da cesta dos fogares".

REPSOL, ABERTO AO DIÁLOGO

Mentres, fontes da compañía indicaron o seu respecto ao "dereito dos empregados" a secundar a folga convocada pola representación sindical e subliñaron a "vontade de seguir traballando cos representantes dos traballadores, como fixeron nos últimos meses, para alcanzar un acordo que reflicta as necesidades e demandas de ambas as partes, a través dun diálogo franco e aberto".

No entanto, manifestaron "a súa sorpresa" ante o conflito exposto, xa que se produciron "importantes avances" na negociación para o novo acordo marco.

Así mesmo, a multienerxética reiterou o seu firme compromiso co mantemento dun "emprego de calidade, como un dos alicerces esenciais da súa transformación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta