Olimpíadas moi enxebres no rural ourensán

Coñecemos a "Olimpíada Rural da Broa", que naceu no ano 2017 grazas á colaboración de varias asociacións veciñais e o apoio do Concello da Merca. Trátase, dinos José Manuel Taín, dunha "actividade dinamizadora do rural na que ademais se fomentan hábitos de vida saudable e a unión da xuventude das distintas parroquias do lugar".

Por Galicia Confidencial | Ourense | 17/07/2022 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Para encadrar o nome de “A Broa” hai que destacar que este é o topónimo co que se coñece ás 4 parroquias do Concello da Merca situadas na marxe esquerda do Río Arnoia.

Olimpíada Rural da Broa en Entrambosríos (2019). Foto: José Manuel Taín
Olimpíada Rural da Broa en Entrambosríos (2019). Foto: José Manuel Taín

A Olimpíada Rural da Broa naceu no ano 2017 da colaboración entre a Asociación Veciñal San Pedro de Olás, a A.V. Santa Mariña de Entrambosríos e a A.V. San Andrés de Zarracós contando ademais co apoio do Concello de A Merca (Concellería de Participación Cidadá Cultura e Deporte). Posteriormente, no ano 2018, sumouse á iniciativa a A.V. Santa María de Corvillón.

No mes de agosto, e ao longo de catro xornadas, os máis pequenos da zona gozan da práctica de distintos deportes en equipo, así como doutros de estilo máis tradicional, sendo a participación completamente gratuíta e a organización ofrece agasallos e unha apetecible merenda: bocadillo, froita, refrescos, auga....

DESENVOLVEMENTO DA OLIMPÍADA 

O acontecemento de lecer e socialización deportiva, no que ademais se recuperan os xogos tradicionais, desenvólvese en catro xornadas que teñen lugar noutros tantos campos da festa de núcleos rurais da Merca.

Olimpíada Rural da Broa no Corvillón (2019). Foto: José Manuel Taín
Olimpíada Rural da Broa no Corvillón (2019). Foto: José Manuel Taín

primeira das xornadas (10/08/2022) desenvólvese no campo da festa de Zarracós e nela practícanse distintos deportes e xogos tradicionais, hoxe case esquecidos: a ra, a chave, a porca, os sacos, os zancos, os aros, os bolos, a turra-soga, as buxainas, a comba...

segunda das xornadas (15/08/2022) ten lugar no campo da festa de Entrambosríos e nela os máis pequenos poden gozar da práctica dun deporte en equipo, o baloncesto, e doutros xogos variados.

terceira das xornadas (20/08/2022) acontece no campo da festa de Corvillón onde a rapazada pode practicar outro deporte en equipo como é o voleibol, así como unha pequena andaina polos camiños máis singulares da parroquia.

cuarta e derradeira xornada (26/08/2022) lévase a cabo no campo de xogos de Pazos de Olás, onde novamente os máis cativos poden gozar dun novo deporte en equipo, neste caso o fútbol-lameiro, e unha carreira de obstáculos.

Ao longo destes anos, só interrompidos pola pandemia, a Olimpíada Rural da Broa ten contado cunha gran aceptación por parte da veciñanza. Segundo nos conta o noso informante e un dos organizadores, José Manuel Taín, "levan participado máis de 40 cativos de media en cada sede, constituíndose así nunha actividade dinamizadora do rural na que ademais se fomentan hábitos de vida saudable e a unión da xuventude das distintas parroquias do lugar".

Longa vida á Olimpíada Rural da Broa! 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 galegÓN

Parabéns!!! Viva a xente que dinamiza o rural.