Alixo, parroquia do Barco, arrasada case por completo polo lume

Veciños que tiveron que ser desaloxados mostran "dor, rabia e impotencia" por deixar todo atrás: "O primeiro é a xente".

Por Europa Press / Redacción | Valdeorras | 19/07/2022 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

Unha quincena de casas, a maioría segundas residencias, da parroquia de Alixo, no Barco de Valdeorras (Ourense), foron arrasadas por un incendio forestal do que os veciños aínda non se explican a rapidez coa que se propagou pola comarca, ata calcinar miles de hectáreas.

Un bombeiro arrefría unha vivenda arrasada polo lume en Alixo, O Barco de Valdeorras (Ourense).
Un bombeiro arrefría unha vivenda arrasada polo lume en Alixo, O Barco de Valdeorras (Ourense). | Fonte: Europa Press

Horas antes da visita do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a esta pequena localidade valdeorrana, algúns dos habitantes que xa puideron regresar a estas vivendas contemplan incrédulos a paisaxe que teñen diante. E é que tampouco entenden como, mentres que algunhas leiras e construcións si logran seguir en pé malia o lume, outras que están a cinco metros das sobreviventes si se viron reducidas a cinzas. Nalgúns casos, non sería porque os seus propietarios non tentaron conter as chamas cos "poucos" recursos que tiñan a man.

Este é o caso de Leandro Fernandes, quen, xunto co seu pai, o domingo negábase a deixar as dúas vivendas que ten a súa familia en Alixo para tratar de salvar o que puidesen. "Cando cheguei, estaba a miña casa rodeada de lume. Collín a mangueira do veciño, xa non me importaba nada", relata.

Aínda no mediodía deste martes, un bombeiro arrefriaba os pequenos focos que aínda facían saír fume das paredes dunha das súas casas, totalmente arrasada. "O lume era imparable", asegura Leandro. Con todo, a súa familia si mantén intacto o domicilio onde viven a diario: "Salvámola porque quedou o meu pai cun par de ovos".

Este mozo explica como se viviu a xornada do domingo, con Alixo convertido nunha polvoreira debida á presenza non só de bombonas de butano nos alpendres alcanzados polas chamas, senón tamén por maquinaria e electrodomésticos como televisores que explotaban ao ser consumidos polo lume. Tamén os tellados levaron a peor parte, moitos deles colapsados ao estar suxeitos por estruturas de madeira.

Agora, a pesar de como quedou a parroquia tras o paso do incendio, Leandro Fernandes recoñece estar "feliz de poder axudar" á xente da súa aldea e doutras lindeiras: "Fun a Vilariño e queimeime enteiro".

"MEDO, RABIA E IMPOTENCIA"

Ermitas Álvarez, outra veciña oriúnda de Alixo, confesa aínda sentir "medo, rabia e impotencia" pola incapacidade dos veciños de parar as chamas que consumiron casas, alpendres e, mesmo, o campanario dunha igrexa cuxa estrutura, por sorte, aínda se mantén en pé.

O domingo estaban a comer cando tiveron que abandonar a súa vivenda, que afortunadamente si se salvou: "Saímos para comer e observamos que había un fume moi grande e un aire... E empezamos cunha calor moi forte e non se podía respirar. E empezaba a caer unha pequena cinza. Empezamos a mirar polo horizonte e empezaba a vir un pouco de lume".

Malia que habitantes de zonas próximas --Candedo e Vilariño-- lles comentaran que o incendio estaba xa "controlado", nese momento a montaña estaba "xa rodeada de lume e cunhas chamas altísimas", polo que decidiron chamar aos medios de emerxencias.

As autoridades que chegaro instáronlles a desaloxar a aldea, pero tanto Ermits como outros veciños insistiron --aínda que sen éxito-- quedar a axudar. Moitos deles, para evitar inhalar moito fume, puxéronse unha máscara: "É que afogabas".

"Dinnos 'tédesvos que ir xa'", relata esta veciña, que lembra como sentiu "rabia, impotencia, medo" por "non saber que facer". Finalmente, a maioría accedeu a desprazarse ata segundas residencias ou casas de familiares e amigos. "O primeiro é a xente".

Un dos peores sentimentos, segundo recoñecen os poucos aldeáns que xa puideron regresar este luns, xorde ao ver como queda a túa parroquia de orixe: "Toda unha vida aquí, a casa dos teus pais, eu teño os meus sogros, a casa dos meus avós, que é unha das primeiras que se estaba queimando...".

Son uns días "moi duros" nos que Alixo, situada nunha pendente desde a que se visualiza o centro urbano do Barco, está xa convertida nunha das parroquias símbolo duns incendios que, en toda Galicia e en menos dunha semana, levan arrasadas unhas 20.000 hectáreas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta