Arde Galicia: Desaloxados 54 veciños en Quiroga polos incendios

O conselleiro de Medio Rural apunta que o fume dificulta as tarefas de extinción dos medios aéreos no Courel.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 21/07/2022 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

O conselleiro de Medio Rural, José González, informou de que foi necesario desaloxar nas últimas horas a 54 veciños de catro aldeas do concello de Quiroga (Lugo) ante o risco de que o lume salte o río Lor.

Un home observa un incendio, a 15 de xullo de 2022, en Quiroga, Lugo
Un home observa un incendio, a 15 de xullo de 2022, en Quiroga, Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Nunha entrevista coa TVG, o conselleiro explicou que ese desaloxo se produciu por "precaución" ante a posibilidade de que o lume puidese saltar o río, aínda que non houbese proximidade de chamas ás casas. En concreto, as evacuacións producíronse nas aldeas de Bustelo de Lor, Lamas de Lor, Vilar de Lor, Orxais e Xestoso.

Así mesmo, referiuse a as dificultades para os medios para actuar esta mañá na zona do Courel --van máis de 10.000 hectáreas arrasadas-- debido ao fume, polo que se retomará a súa actividade "en canto sexa posible".

Ademais, destaca os traballos realizados na parte norte do Courel para evitar que o lume entrase na contorna natural de Devesa da Rogueira, onde se realizan traballos técnicos consistentes en queimas de ensanche, entre outras.

"MOITÍSIMOS PROBLEMAS" EN QUEREÑO

Por outra banda, o conselleiro de Medio Rural asegura que no incendio en Valdeorras, con 10.500 hectáreas queimadas, "non hai fronte activa", aínda que o mércores houbo "moitísimos problemas" nas inmediacións de Quereño, no concello ourensán de Rubiá. Agora trabállase en evitar reproducións.

Si que hai fronte activa en Vilariño de Conso, un lume que afecta a 4.200 hectáreas do Parque Natural do Invernadeiro. Aínda que "non hai chamas" en Oímbra nin en Verín, "non quere dicir que estean estabilizados".

Igualmente, lembra a "situación climatolóxica extraordinaria" cunha treboada seca e raios que provocou incendios en zonas nas que "non son habituais", como O Courel. A isto súmase "a dificultade engadida" de que son áreas moi escarpadas e de "moi difícil acceso", o que "complica moito o dispositivo", unido a cuestións como as temperaturas elevadas dá lugar a un comportamento "moi virulento" do lume.

Por todo iso, defende como unha "decisión acertada" que os técnicos recomenden os desaloxos. "Comprendo a situación da xente que ten que saír sen saber se vai volver ver as súas casas", afirma, pero xustifica que sempre se traballa para "manter a vida das persoas".

Nesta liña, José González opina que o cambio climático é "un factor máis que pode agravar a situación", pero cre que a clave pasa pola "necesidade de facer máis xestión do territorio", xa que hai "moitísima carga de combustible" no monte. Pon o exemplo da actividade agrogandeira que axudou a protexer unha aldea na parroquia de Parada dos Montes, no concello da Pobra do Brollón.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta