Por Galicia Confidencial | Ourense | 22/07/2022 | Actualizada ás 11:39
A Deputación de Ourense, que dirixe o popular José Manuel Baltar, volveu subvencionar a persoas ou familiares vinculadas ao Partido Popular, desta volta, a cargo do programa de cooperación local cos concellos e iniciativas empresariais e de autoemprego no rural no marco do programa EmprendOU.
Segundo denuncian a GC participantes neste programa, a institución que dirixe Baltar beneficiou, entre outras, a unha irmá da alcaldesa de Larouco, do PPdeG, que rexenta un local de maquixalle e cosmética. Tamén apuntan que resultaron beneficiados familiares de cargos "enchufados a dedo" por Baltar na Deputación da comarca de Valdeorras, unha das zonas máis afectadas pola vaga de lumes deste verán.
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou o pasado abril a concesión de máis de 300.000 euros en axudas para proxectos de cooperación local cos concellos e iniciativas empresariais e de autoemprego no rural no marco do programa EmprendOU. Con respecto a este programa, concedéronse cinco subvencións cuxa contía oscila entre os 7.000 e os máis de 8.000 euros para a posta en marcha doutros cinco proxectos relacionados con servizos de limpeza, actividades forestais e hostalería a desenvolver nos municipios da Peroxa, Riós, A Bola e dous deles en Entrimo.
As axudas son en réxime de concorrencia non competitiva, a persoas físicas que leven a cabo proxectos empresariais e/ou de autoemprego en concellos rurais en declive demográfico da provincia durante todo o periodo subvencionable. Ademais, as persoas que as reciban deben estar dadas de alta na Seguridade Social en calquera réxime para o exercico da actividade por conta propia a partir do inicio da actividade subvencionable e durante un período ininterrompido mínimo de seis meses dende o inicio de dita actividade.
A DEPUTACIÓN DE OURENSE DI QUE O PROGRAMA É DO MINISTERIO
Pola súa banda, a Deputación de OUrense, nun escrito remitido ao GC, asegura que é unha iniciativa financiada a través da convocatoria do Real Decreto 1234/18 para o financiamento de proxectos de emprego, autoemprego e emprendimiento colectivo, dirixidos a afrontar o reto demográfico nos municipios de menor poboación, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo (axudas EMP-POEJ).
Polo tanto, insiste en que se trata dunha convocatoria xestionada polo Ministerio de Política Territorial e que a Deputación de Ourense, como ente cofinanciador, "limitase a cumprir as normas, comprobando que todos os proxectos presentados cumpren as condicións".
"É o Ministerio de Política Territorial o que fixa as condicións e/ou requisitos para outorgar as subvencións aos beneficiarios finais, o que fixa os importes, perídos de subvencionalidad e régimenes de compatibilidade e as condicións de mínimis a outorgar aos beneficiarios finais e o que fixa as normas de subvencionalidad aplicables á os proxectos emprendedoras", asegura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.