Sen cambios nos grandes incendios: o do Courel segue activo e o de Valdeorras, estabilizado

Entre eles acumulan unhas 30.000 hectáreas calcinadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2022 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

Os grandes incendios forestais que azoutan Galicia desde hai dez días e que levan calcinadas unhas 30.000 hectáreas non rexistraron cambios ao longo da mañá deste luns, segundo o último informe da Consellería do Medio Rural. Ademais, todas as alertas por proximidade a vivendas permanecen desactivadas.

Así, aínda que o do Courel e o de Vilariño de Conso continúan activos cunha superficie arrasada de 10.000 e 6.000 hectáreas, respectivamente; o outro gran lume, o de Carballeda de Valdeorras, segue estabilizado desde as 20,33 horas do domingo cun balance de 10.500 hectáreas queimadas.

Por provincias, na de Lugo continúa activo o gran incendio forestal do Courel, iniciado nas parroquias de Vilamor (Folgoso) e Saa (A Pobra do Brollón). A súa gran envergadura debeuse a que se xuntaron catro focos --dous por parroquia--, o que obrigou a activar a situación 2 por proximidade a vivendas, que xa non está en vigor.

Tamén está activo outro incendio con 1.100 hectáreas calcinadas en Folgoso, concretamente na parroquia de Seceda. No municipio de Quiroga hai outros dous, nas parroquias de Outeiro (250 hectáreas) e Nocedo (15 hectáreas), pero están controlados.

En canto á provincia de Ourense, o principal, o iniciado na parroquia de Riodolas (Carballeda de Valdeorras) e que afecta o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, segue estabilizado con 10.500 hectáreas queimadas. Con todo, segue activo outro gran incendio en Vilariño de Conso, que se iniciou na parroquia de Pradoalbar e que leva calcinadas 6.500 hectáreas do Parque Natural do Invernadeiro.

Así mesmo, o que entrou desde Portugal á parroquia de Rabal, no municipio de Oímbra, continúa controlado cunhas 2.100 hectáreas arrasadas, de acordo co informe de Medio Rural ás 13,30 horas deste luns.

EXTINGUIDOS NAS ÚLTIMAS HORAS

A Consellería informaba na súa actualización das 9,00 da mañá de que, nas últimas horas, quedaran extinguidos varios incendios forestais de menor envergadura.

Concretamente, na provincia de Lugo quedou extinguido ás 23,37 horas o lume forestal que afectou a Palas de Rei e que se declarou en Ramil, tras calcinar 375 hectáreas. En Cereixedo, no municipio de Cervantes, quedou extinguido o lume ás 22,30 horas --tras calcinar 65 hectáreas--; mentres que en Antas de Ulla deuse por extinguido o incendio rexistrado en Santa Mariña do Castro de Amarante ás 20,47 horas, tras queimar 54,1 hectáreas.

Na provincia de Ourense, o incendio de Oímbra que entrou desde Portugal á parroquia de San Cibrao quedou exintiguido ás 21,37 horas ás 21,37 horas tras calcinar 370 hetáreas. En todos os incendios forestais aínda activos permanecen despregados medios aéreos e terrestres --técnicos, axentes, brigatistas--, así como a Unidade de Emerxencias Militar (UME) naqueles de maior magnitude.

Un bombeiro traballa na extinción do lume de Folgoso do Courel, a 20 de xullo de 2022, en Folgoso do Courel, Lugo, Galicia (España). A Consellería de Medio Rural elevou a máis 1.400 os desaloxados por incendios en 80 núcleos nos lumes que afec. Carlos Castro - Europa Press
Un bombeiro traballa na extinción do lume de Folgoso do Courel, a 20 de xullo de 2022, en Folgoso do Courel, Lugo, Galicia (España). A Consellería de Medio Rural elevou a máis 1.400 os desaloxados por incendios en 80 núcleos nos lumes que afec. Carlos Castro - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta