Alerta de nivel 2 por calor en Pontevedra e Ourense, e de nivel 1 no interior da Coruña e a montaña lucense

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2022 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, a través do seu Comité de Plan de Calor e no marco do Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, activou a situación de alerta por calor nivel 2 nas provincias de Pontevedra e Ourense; e de nivel 1 no interior da provincia da Coruña e na montaña de Lugo.

Máis detalladamente, en nivel 2 permanecerá toda a provincia de Pontevedra durante dous días, coa previsión de que o episodio remita o martes. En Ourense a alerta manterase durante tres días, esperando que remita a situación o mércores.

En nivel 1 estarán a zona interior da Coruña, durante dous días, coa previsión de que o episodio remita na xornada do martes. Os concellos afectados son Ames, Aranga, Arzúa A Baña,Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa,Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso,Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra,Vedra e Vilasantar.

A zona da montaña de Lugo permanecerá tres días baixo o nivel de alerta 1, que se espera que remita o mércores. Estímase que afecte as localidades de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.

Segundo explica Meteogalicia, a presenza continuada dunha masa de aire cálido sobre a península, con orixe no norte do continente africano, xunto ao bloqueo que exercen as altas presións estacionarias que se estenden desde os Azores ata o noroeste de Galicia, provocan un quecemento do aire.

Unha situación que trae temperaturas moi elevadas, especialmente na metade sur da Comunidade. O martes comezará a debilitarse a barreira anticiclónica, así que non se descarta a progresiva entrada de aire algo máis húmido que favorecerá a formación de néboas no litoral de Pontevedra, así como un leve descenso das temperaturas en todas as áreas.

Ante esta situación, Sanidade recomenda beber máis líquidos do habitual, evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e outras moi azucaradas, usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada e con cores claras, chapeus, lentes de sol e cremas protectoras do sol.

No exterior dos edificios evitarase, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, e cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, tampouco a animais de compañía.

Dúas persoas refréscanse nuns chorros durante un día da onda de calor.. Rosa Veiga - Europa Press
Dúas persoas refréscanse nuns chorros durante un día da onda de calor.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta