Fidelización e calidade, selos distintivos da MIT de Ribadavia

A organización vén de facer balance desta 38ª Mostra Internacional de Teatro que rematou o 24 de xullo e salienta o incremento do número de abonos para todos os espectáculos do Castelo e a alta valoración das votacións. Reafirman tamén a calidade e distinción da súa programación ademais de ter resistido ben diante de tanta oferta cultural como está a chegar este ano co Xacobeo.

Por Galicia Confidencial | Ribadavia | 04/08/2022 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

Días despois do remate oficial da MIT de Ribadavia, a organización lembra os premios do público e fai unha reflexión sobre o camiñar e a sustentabilidade deste senlleiro evento teatral en Galicia.

Encontro interxeracional de profesionais das Artes Escénicas. Foto: MIT Ribadavia
Encontro interxeracional de profesionais das Artes Escénicas. Foto: MIT Ribadavia

O Premio do Público desta edición 2022 foi para Hamlet, da compañía peruana Teatro La Plaza. O público concedeulle un 4,78 sobre 5. De preto e en segundo lugar o espectáculo Demente, cun 4,68 e en terceiro posto La Infamia cun 4,42. A implicación do público tamén se comproba nas porcentaxes de votación ao finalizar a representación, que se viu notablemente incrementada con respecto a anteriores edicións.

COMPROMISO SOCIAL, CALIDADE E INTERCAMBIO INTERXERACIONAL DE PROFESIONAIS DAS ARTES ESCÉNICAS

A coherencia e a aposta polo compromiso social desta edición, que ten en conta as marxes e a inclusión ou a memoria, tamén suscitou o interese e a maior curiosidade do público nos foros da MIT, que se realizaron todos os días despois de cada función no Patio do Museo Sefardí con aforos completos e unha participación moi activa.

A MIT aposta ano a ano pola calidade dos servizos co obxectivo de non ser "só un espacarate de espectáculos", senón ir máis alá e "ofrecer actividades pedagóxicas e divulgativas para comprender, preguntar e facer que a experiencia sexa máis completa e gratificante para o público". Nese sentido, dentro das actividades paralelas, a organización salienta a relevancia e trascendencia social e profesional que tivo o 1º Encontro Interxeracional de Profesionais das Artes Escénicas de Galicia. Nel produciuse un memorable espazo de convivencia, reflexión e propostas para unha mellor relación profesional nos procesos de creación entre as novas compañías e profesionais e as máis veteranas. Deste 1º encontro sairán unhas conclusións que serán trasladadas ás administracións competentes para impulsar actividades e prácticas que favorezan a inserción, mentorización, reciclaxe profesional do sector e optimización dos recursos para o ben común.

FORTALEZAS E DEBILIDADES

Na análise final e valoración tanto dos aspectos positivos coma dos asuntos a mellorar despois desta 38ª edición, a MIT constata a relevancia dos espazos SputMIT e Ruadavia como un lugar para o fomento das artes de rúa, que se verán incrementadas cara a futuras edicións na medida do posible. Os espectáculos nocturnos e itinerantes iranse incorporando unha vez pasada a recuperación das restricións da pandemia polas rúas e prazas de Ribadavia. Outro aspecto no cal a organización seguirá traballando ten que ver coa confortabilidade do público no Auditorio Rubén García do Castelo, unha vez instaladas as butacas co aforo completo, para que a experiencia se vexa acompañada pola calidade do programa e a beleza do entorno.

Os responsables da organización conclúen que este ano foi unha "edición de reafirmación da calidade e da distinción, de convicción do sentido das oportunidades únicas nun ano Xacobeo de certa saturación e explosión de cadeas de actividades"

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta