Temas: SECA AUGA ENCOROS

Alerta en Galicia pola seca: aumentan as restricións e chámase á poboación a un uso responsable da auga

Drons para supervisar que non se enchen piscinas, prohibición de baldear ou limitación no consumo, algunhas medidas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/08/2022 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

Concellos e institucións manteñen o chamamento á concienciación cidadá para facer un uso responsable da auga e evitar consumos innecesarios ante o contexto de seca, que xerou que cada vez máis concellos galegos adopten algún tipo de restrición ante unha situación que algún alcalde advirte que podería ser unha "catástrofe" para o seu municipio de seguir así se non chove. Así o expuxo o rexedor de Vilar de Barrio (Ourense), Manuel Conde. Por parte deste consistorio, entre outras medidas, optouse por recorrer a drons "para comprobar quen ten as piscinas cheas e quen non as ten".

Encoro de Portomarin, Lugo
Encoro de Portomarin, Lugo | Fonte: CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS.

Mentres, alude a cortes de auga "puntuais" en casas situadas nas zonas máis altas. "É o peor ano hidrolóxico desde que hai datos, as fontes están baixo mínimos e algunha está con fío de auga", resume o alcalde, que alude ás obras postas en marcha hai uns anos de intercomunicación de depósitos para "traer auga desde onde a hai".

Este concello é un exemplo do que ocorre noutros moitos de Galicia e, por iso, están a adoptar distintas medidas, nuns casos polos problemas xa existentes no abastecemento de auga como Ribadavia (Ourense), que tivo que proceder a cortes de subministración ante a súa falta no depósito municipal e onde se declarou a emerxencia ante unha situación "crítica".

Noutros, son preventivas fronte ao "posible agravamento". Este é o caso de Lugo con limpeza da calzada en días alternos. Nesta provincia, hai xa restricións no consumo en varios concellos e algúns como Sober habilitaron desde hai días camións cisterna para trasladar auga a unha decena de núcleos de poboación.

Ademais, hai municipios con controis do uso da auga potable na rede municipal e que optaron por manter regados os espazos verdes e xardíns municipais con auga reutilizada e non apta para o consumo ou decidiron aplicar restricións nos servizos públicos.

En Miño (A Coruña) --municipio que, como outros de Galicia, duplica a súa poboación no verán--, procedeuse, como noutros concellos galegos, ao peche da subministración en praias ou a prohibición de usar a da traída pública para baldear ou encher piscinas. A mesma medida, e antes que noutras provincias, adoptaron municipios ourensáns con posibilidade de sancións para quen o incumpran.

A seca tamén implicará cambios na Festa da auga de Vilagarcía de Arousa, que volve á orixe co uso de caldeiros, pero na que non haberá mangueiras. As fontes ornamentais estarán pechadas, aínda que haberá fontes de botón para encher as pistolas de auga ou globos.

Esta situación, que obrigou a uns concellos a adoptar medidas antes e a outros a empezar a tomalas agora en agosto, supón tamén que lugares como as ruínas do antigo Portomarín, alagado polo encoro de Belesar, se poida cruzar a pé despois de que a localidade lucense leva "anos", en palabras do seu rexedor, Pablo Rivas, sen observar o río Miño "con tan baixo caudal".

Tamén a falta de auga facilitou a visión do campamento romano situado en Bande, na beira do río Limia, no encoro das Cunchas.

"PREOCUPACIÓN"

Desde a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) admiten que hai "preocupación" e inciden en que "máis aló" do contexto actual é "imprescindible adquirir unha cultura de aproveitamento dos recursos naturais máis sustentable". "Por parte de todos, administracións e cidadanía". "Cónstanos que os concellos se están esforzando polo cambio de patrón entre os seus veciños e veciñas", apostilan.

O mesmo fan desde a Confederación Hidrógrafica Miño-Sil, cuxo presidente, José Antonio Quiroga, xa advertiu hai unha semana da necesidade de actuar ante "o ano hidrolóxico máis seco da serie histórica". E é que os encoros galegos desta demarcación atópanse ao 49,28% da súa capacidade máxima, un 0,66% menos que a semana anterior.

"Este volume é un 0,45% menor que a cantidade de auga embalsada hai un ano, 49,73%, e un 19,54% menor que a enchida media histórica nestas datas do ano, 68,82 %", precisan desde a mesma. "No relativo aos caudais circulantes, o caudal nas estacións atópase de media un 44,5% por baixo da media histórica", inciden.

Pola súa banda, responsables de Augas de Galicia mantiveron reunións con distintos concellos para explicarlles a situación e instando, ademais, a intensificar as medidas de aforro de auga ante unha porcentaxe de ocupación nos encoros da Demarcación Galicia-Costa do 63,88%, a data 8 de agosto, fronte ao 72,55% en 2021.

Nos últimos días, foron convocados os de Vigo, Nigrán e Baiona, pero antes os municipios que se abastecen desde o río Lérez e desde o Anllóns, que tamén presentan escasos niveis de auga pola falta de choivas.

A SITUACIÓN PODE "AGRAVARSE"

Desde a Consellería de Infraestruturas, afirman que os niveis de ríos están "nos índices máis baixos desde que se teñen rexistros na demarcación Galicia-Costa". Por iso, insisten en que hai unha "ameaza real" sobre o abastecemento de auga en varias zonas de Galicia.

"O anterior episodio de seca produciuse en novembro e aínda estamos en agosto, polo que a situación pode agravarse". Tamén lembran que se declarou a prealerta por seca en febreiro en boa parte da demarcación de competencia autonómica, estendéndose en abril a todos os sistemas da demarcación "como medida preventiva".

Sobre as reunións con concellos, recalcan que se trasladaron medidas de concienciación á cidadanía "e de preparación ante outros escenarios máis complexos". Tamén apuntan que as zonas que "máis preocupan" son as abastecidas polos encoros de Baiona e Zamáns e os ríos Lérez e Anllóns. Aluden, así mesmo, á "alerta por escaseza" nos ríos Cabe e Limia, neste caso dependentes na demarcación do Miño-Sil.

En canto ás medidas, remítense ás xa postas en marcha polos concellos e ao novo plan de seca da Xunta, aprobado en xuño, para a aplicación das mesmas, segundo a gravidade. Entre elas, figura a redución da auga para abastecemento urbano e industrial, ademais da posibilidade de cortes temporais.

No entanto, inciden en que "este é o momento para que os concellos analicen cales son os usos de auga menos prioritarios" e traballar tamén en "fugas das redes municipais". "Perden de media un 40% do caudal, chegando ata o 60 e o 80% nalgunhas localidades".

Nestes momentos, en Galicia, segundo a Xunta, 104 concellos dispoñen de plans de emerxencia fronte á seca, 46 deles na demarcación Galicia-Costa, aínda que das grandes cidades só Santiago.

Temas: SECA AUGA ENCOROS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta