Denuncian "sinalamentos" e "chantaxes" aos colectivos en defensa do mosteiro de San Pedro de Rocas

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra ve un "atentado patrimonial" nas actuacións da Deputación de Ourense sobre a contorna do mosteiro.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2022 | Actualizada ás 17:42

Comparte esta noticia

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra cualifica de "atentado patrimonial" as actuacións de ampliación da vía realizadas na contorna e acceso ao mosteiro de San Pedro de Rocas, na localidade ourensá de Esgos, no corazón da Ribeira Sacra. Así mesmo, expresan a súa "carraxe" pola criminalización das súas mobilizacións, con denuncias xudiciais e sinalamentos públicos aos colectivos en defensa do Mosteiro.

Actuacións na contorna de San Paio de Roca
Actuacións na contorna de San Paio de Roca | Fonte: remitida

A Federación asegura que, "malia a investigación aberta pola Xustiza e pola Policía autonómica sobre as intervencións promovidas pola Deputación de Ourense, as máquinas destruíron muros históricos e árbores centenarias", unha actuación que, lamentan, "xa non ten volta atrás". "Séculos de historia de pedra e natureza, que sempre conviviron co territorio e coas persoas que aquí habitan, foron e están sendo obxecto de destrución", denuncia a Federación, que se pregunta que tipo de protección existe para os elementos catalogados como BIC na Ribeira Sacra.

Segundo recollen nun comunicado, as razóns de seguridade para o tráfico dadas pola Deputación de Ourense son "absurdas", posto que "nesta estrada non se rexistran accidentes ningúns por parte da DXT". Para a Federación, o motivo destas actuacións está en realidade no "malentendido turismo". "Un turismo non respectuoso co lugar, invasivo e masivo, posto que a escasos 10 metros da igrexa entran autobuses de gran porte" que requirirían unha ampliación viaria.

Dende a Federación denuncian que, "mentres se vixía a veciñanza con lupa, acotío existen actuacións de grandes dimensións que son permitidas polas Administracións, como sucede en San Pedro de Rocas ou en zonas de Rede Natura en que se producen grandes talas de bosque ribeirao".

DENUNCIA INTERPOSTA CONTRA O PRESIDENTE DA FEDERACIÓN

Así mesmo, expresan a súa "carraxe" polo que entenden unha criminalización das súas mobilizacións, e é que o presidente da Fundación San Pedro de Rocas foi denunciado e posto a disposición xudicial "por intentar impedir as obras", recollen no comunicado. 

A Fiscalía deixouno finalmente libre sen cargos, explica a Federación, "pero estas formas de presión constante, de chantaxe e sinalamento público por defender o patrimonio evidencian ata que punto vivimos nun mundo patas arriba: quen defenden o patrimonio son citados no xulgado e quen o destrúen contan coa permivisidade do poder". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta