O BNG critica a "tesoirada" da Xunta á educación pública, con case 800 docentes menos este curso

Pide que rectifique e convoque oposicións de reposición este ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2022 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario de Educación do BNG, Manuel Lourenzo, denunciou unha "tesoirada" de entre 700 e 800 profesores para o próximo curso en Galicia e pediu á Xunta que "rectifique" e convoque oposicións de reposición este ano.

Tal como lamentou Lourenzo, a resolución do 2 de agosto da Consellería de Educación recolle que este exercicio haberá preto de mil docentes menos respecto ao curso anterior. Poñendo este dato en relación cos interinos que se incorporarán este ano a partir das oposicións e coas xubilacións, dá como resultado entre 700 e 800 profesores menos, segundo indica o BNG.

Para os nacionalistas, isto supón unha nova "tesoirada para o ensino público" que trae "consecuencias devastadoras" dado que o alumnado "vai ter que iniciar o novo curso con aulas masificadas". "Estamos a falar tamén de que vai haber moitas materias afíns, polo que o alumnado vai estar en todos os centros de Galicia recibindo en moitísimos casos a súa formación a través de profesorado non especialista", lamentou o deputado do Bloque, tal como recolle o partido nun comunicado.

Segundo el, esta é unha realidade que o Goberno galego "xa non pode ocultar", porque son os propios directores dos centros os que "están a dicir 'xa abonda", presentando as súas dimisións ante a Consellería. "Debemos incorporar ao sistema educativo de inmediato, polo menos, mil profesores máis e, desde logo, hai que facer unha aposta clara e decidida polo sistema educativo para que a Xunta deixe de enfocar a súa política en aras do beneficio do ensino privado", reivindicou.

Por iso, reclamou, ademais, que o Executivo autonómico "dea marcha atrás" no seu anuncio de que non ía convocar oposicións para repor o profesorado o próximo curso. "Esiximos que para o próximo curso si teñamos oposicións de reposición para acabar con esta política de precariedade e desmantelamento do sistema educativo", sentenciou Lourenzo.

Manuel Lourenzo.. BNG
Manuel Lourenzo.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta