GC Aberto

Da hipérbole e a saturación. Verán Xacobeo e cultura espectacular

Unha reflexión de Roberto Pascual sobre os eventos, a cultura sustentable e o ano Xacobeo.

Por gcaberto | Ribadavia | 27/08/2022

Comparte esta noticia

O verán da fartura e do festexo acumulou unha capa de carteis na marquesiña que, co peso, xa se desprendeu e deixou un engrudo que fai practicamente ilexible a mensaxe que nos recorda que vivimos nunha cidade fermosa. A permacultura, o pensamento en rede, o ecodinamismo dos proxectos e o pensamento para a acción cultural sostible semellan un atraso e unha perda de oportunidades para non levar o peixe ao cesto neste intre.

Roberto Pascual
Roberto Pascual | Fonte: Imaxe cedida

Precisabamos festa, saturación e hipérboles, espectáculo romano e vivas do alcalde ao seu embigo. Precisabamos espeto con folión e DJ's ata o amencer. Precisabamos festivais a, b e c para escoller cada día un serán e cada serán unha estrela. Precisabamos contraprogramar e esaxerar a ledicia de cada parroquia, escorrentar os lumes á leira do veciño e contratar canto antes aos técnicos para non quedar sen a mellor pantalla, o mellor son e os mellores focos. Precisabamos? Hoxe pódese pagar o que faga falta, que para iso pasamos unha pandemia e por iso agardamos tanto por esta beizón xacobea. Seguramente precisabamos isto e mesmo máis carga de intensidade.

"Precisabamos festa, saturación e hipérboles, espectáculo romano e vivas do alcalde ao seu embigo"

Sen que nos amole a resaca, que virá, celebramos pensando, aínda que sexa de esguello, en que nos quedará. Que quedará despois da saturación e da afonía da hipérbole? Seremos quen de ordenar, encaixar e dixerir as emocións e oportunidades para pór en valor a nosa música tradicional en sintonía con outros moitos estilos? Seremos quen de facérmonos ver ben o mal endémico do autoodio que tanto nos sigue afectando con exemplos tan dispares coma a orgullosa e poderosa “Morriña” de Baiuca, que non tivo problema para entusiasmar en galego con Timmy Trumpet e Blasterjaxx en Alemaña mentres o galego de Quico Cadaval amedrentaba a unha pobre parroquia de baioneses? Seremos quen de ver o potencial da nosa danza para fomentala máis alá dos eventos con vistas ás vindeiras eleccións? Vivirán as nosas Artes Escénicas máis alá dos semestres convertidos en trimestres, ciclos ou festinoites? Poderemos canalizar toda esa reafirmación “riquiñafest” en beneficio propio, para que a variedade e os oficios que move a cultura sigan evolucionando coa caída da folla? Quedará orzamento para recoller a festa e chamar ao fontaneiro por se a billa perde mesmo despois da resaca?

"Poderemos canalizar toda esa reafirmación “riquiñafest” en beneficio propio, para que a variedade e os oficios que move a cultura sigan evolucionando coa caída da folla?"

Non nos sintamos mal por pensar no mañá da cultura entre a festa, que iso non significa nin “cortar o rollo” nin fomentar o “hater” que cada quen pode ter preto, mesmo dentro de si. Pode parecer que está mal visto, incluso hai quen pensa que vivimos nunha sociedade tendente ao desprecio do pensamento complexo, científico ou profesionalizante. Non só os populismos, senón voces populosas fan gala das bondades do facer por facer, da romantización da improvisación na xestión e da confianza no talento para atinar, copiar, negociar e celebrar o éxito. Pensar na avaliación dos resultados, na mellora e na análise de fortalezas e feblezas semella algo exclusivamente académico e interno e non apto para o torreiro. Certo que cada proceso ten o seu contexto, pero unha cousa é claridade e simpleza, outra simplismo, condescendencia e misterio. Investir na constancia, no proceso, no que está máis alá do individualismo seguen a ser esas tarefas pendentes que tapan as luces da verbena. A cronificación da precariedade en que viven outros proxectos, entre a emerxencia e o estancamento, malia os demostrados beneficios, tamén piden papas.

Citaba as palabras de José Carlos Ruiz en Filosofía ante el desánimo no inicio da MIT de Ribadavia o día 15 de xullo, dicindo que “a idiotez posmoderna é a do hater de sofá que lanza tuits sen facer nada por ninguén”. Non caiamos pois, malia o fume e os logos institucionais chantados nas pantallas led do palco da festa que segue a cantar “te compro tu novia”, na tentación do hater. Podemos dirixir a indignación cara a outro lugar, mesmo creativo, dende a retranca á persistencia, temos ferramentas abondo. Tamén as do eloxio do entusiasmo.

"Non caiamos pois, malia o fume e os logos institucionais chantados nas pantallas led do palco da festa que segue a cantar 'te compro tu novia', na tentación do hater"

Pode ser que a saturación e a hipérbole nesta festa xacobea liberadora traia tamén, alén do efémero e da incoherencia, mudanzas, melloras nas residencias artísticas e na investigación da xestión cultural, propostas alternativas de mediación, consolidación de proxectos e valores patrimoniais, fortalecemento da autonomía das institucións creativas... Pode ser que aconteza e entón diremos que veña outro Xacobeo pronto, malia a saturación e o abafo do verán, que xa se sabe que sempre é intenso, mais sempre haberá refresco.

Roberto Pascual

BREVE RESEÑA DO AUTOR

Roberto Pascual é director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, profesor na ESAD de Galicia e colaborador no Diario Cultural da Radio Galega. 

Premio Rafael Dieste de textos teatrais 2021 pola obra Sophie non é o meu nome de guerra.

No ámbito investigador, publicou Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro (Xerais), 40 anos daquel Abrente (Galaxia), traduciu e editou a obra de Raúl Dans Matalobos para a ADE, traduciu ao portugués, castelán e galego a obra La Merda, de Cristian Ceresoli. Publicou tamén estudos sobre a obra dramática de Xaime Quintanilla, Manuel Lourenzo, Roberto Salgueiro ou Dorotea Bárcena, entre outros.

Traballou como redactor no Dicionario de termos escénicos do CCG e é membro do Consello de Redacción da Erregueté | Revista Galega de Teatro.

Está a piques de defender a súa tese de Doutoramento sobre os festivais internacionais de Artes Escénicas de Galicia no programa de Estudos da Literatura e da Cultura da USC.

No ámbito da xestión cultural, traballou como asesor no INAEM - Ministerio de Cultura, para o Cabildo de Tenerife, o Instituto Cervantes, a Universidade Complutense ou en informes e comisións do Consello da Cultura Galega. Ten participado en conferencias e encontros diversos, dende o FITEI do Porto ata o HtH CDN de Montpellier, ten publicado artigos en actas de Congresos, revistas e ponencias de diversos países. 

En 2016 foi o voceiro da Comisión redactora do Anteproxecto de lei de Artes Escénicas de Galicia, presentado no Parlamento de Galicia e pendente de tramitación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta