Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2022 | Actualizada ás 10:46
O secretario xeral do PSdeG de Pontevedra, David Regades, solicitou á Xunta de Galicia "acabar co dedo" como método para asignar as actuacións do Xacobeo "por simple hixiene democrática".
Nun comunicado, afirman que estes concertos "non poden ser outra ferramenta partidista máis da Xunta para beneficiar a uns concellos en detrimento de outros". "Hai que introducir medidas urxentes de transparencia para garantir aos veciños de todos os municipios as mesmas posibilidades de acceso á cultura", defendeu Regades.
Así, os socialistas pontevedreses móstranse "preocupados" polo "partidismo" co que, din, se elixen as sedes dos concertos entre os pequenos e medianos municipios da provincia. A este respecto, remarcan que gran parte dos anunciados, incluídos os máis recentes, "teñen en común a Alcaldía do PP". "Aínda que é certo que tamén se produciron actuacións noutras localidades de signo socialista ou nacionalista, normalmente encádranse coa participación do Xacobeo en festivais xa existentes", insiste.
"O que esiximos é transparencia e igualdade de oportunidades para que os concellos poidan solicitar os concertos do Xacobeo cun procedemento regulado", continúa.
"COPIAR" As BASES DE MUSIGAL
Regades recomenda ademais a Alfonso Rueda "copiar directamente" as bases do programa Musigal da Deputación de Pontevedra, con 57 concertos musicais noutras tantas localidades.
"Un programa que dinamiza a cultura por toda a provincia a partir dunhas bases publicadas e cunhas convocatorias ás que primeiro se presentan os grupos e despois canalízanse as solicitudes dos municipios de menos de 50.000 habitantes e asignando un concerto acada concello, sen ningún tipo de discriminación", incide.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.