O BNG pide medidas para evitar que o servizo telefónico de Fenosa na Coruña vaia para Colombia

Critica que non se vai dar un servizo adecuado aos clientes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2022 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou iniciativas para evitar a "deslocalización" do servizo de atención telefónica ao cliente de Unión Fenosa Distribución (UFD) na Coruña, por parte da empresa Teleperformance, e garantir a continuidade dos postos de traballo.

Nun comunicado, o grupo nacionalista defende realizar "os cambios necesarios" para blindar o servizo de atención ás persoas consumidoras, "tamén para aquelas que queiran ser atendidas en galego".

O BNG propón que "se condicione" o acceso das empresas eléctricas a fondos públicos e a novas autorizacións de xeración para que a súa actividade económica "repercuta de forma positiva no territorio creando postos de traballo estables".

A organización argumenta que "nos últimos anos" o servizo de atención telefónica da distribuidora eléctrica de Naturgy trasladou a súa actividade fóra de Galicia e "a partir de setembro" de 2022 este servizo ao cliente de UFD pasará a realizarse desde Colombia, tras 25 anos prestándose na delegación da cidade da Coruña.

Esta decisión, segundo explica a nota de prensa, supón a perda dun servizo "básico e esencial", ademais da desaparición de 90 postos de traballo.

ATENCIÓN EN GALEGO

A empresa prometeu manter 20 traballadores para "asegurar" a atención en galego pero o BNG considera que o volume de usuarios fai que estes postos "non sexan suficientes" e engade que as chamadas que se produzan fóra do horario de 08,00 a 22,00 horas serán atendidas desde Colombia "sen garantir o dereito dunha atención adecuada".

"O Goberno do Estado, en colaboración coa Xunta de Galicia, debe realizar as xestións, mediacións ou negociacións precisas para impedir a deslocalización do servizo", defendeu o deputado nacionalista.

ELIMINACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO

O comunicado sinala tamén outras decisións que supoñen "a restrición de servizos e a eliminación de postos de traballo" como o traslado do Centro de Operación de Redes de UFD da Coruña a Madrid ou o peche o antigo Museo de Arte Contemporánea de Unión Fenosa.

Néstor Rego nunha rolda de prensa / BLOQUE NACIONALISTA GALEGO / Europa Press
Néstor Rego nunha rolda de prensa / BLOQUE NACIONALISTA GALEGO / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta