A Asociación Eólica de Galicia critica o "novo ecoloxismo" do BNG: "Mellor petróleo árabe que vento galego"

Lembran que durante o bipartito, cando o BNG xestionaba Industria, "foi cando máis parques eólicos se fixeron".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2022 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A Asociación Eólica de Galicia cuestiona o "novo ecoloxismo" do BNG e da Asociación para Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) e ironiza: "mellor petróleo árabe que vento galego". Nun comunicado, a patronal eólica galega mostrou o seu "estupor" ante as expresións de "espolio e invasión eólica" utilizadas polo BNG e Adega en Bruxelas para denunciar un "suposto incumprimento da normativa europea na implantación de parques eólicos por parte da Xunta e o Estado".

Para a Asociación, resultan "curiosas" e "asombrosas" estas declaracións, xa que, argumenta, en Galicia fai tres anos que non se construíu "practicamente nada" e atópanse no medio de "unha moratoria decretada polo Goberno galego que aínda se prolongará ata xullo do próximo ano".

Así mesmo, critica que durante o bipartito, momento no que as competencias na materia correspondían ao BNG, foi "cando máis parques se instalaron". Este sentido, engade que "se construíron máis que nestes últimos doce anos de goberno do PP". Ademais, censura que "xa había un Plan Sectorial en vigor desde antes de que chegasen á Xunta en 2006" que, continúa, "puideron cambiar ou derrogar e non o fixeron".

En canto á postura de Adega "contra unha enerxía renovable, autóctona e limpa", á patronal eólica galega parécelle "contraditorio".

A Asociación Eólica de Galicia finaliza o seu comunicado cunha reflexión na que se cuestiona se é mellor "volver á enerxía nuclear, o carbón e o petróleo" que "apostar e acelerar o desenvolvemento das enerxías renovables". "Mellor petróleo árabe que vento galego. Este é o novo ecoloxismo. Estupor", conclúe.

Unha vaca repousa tombada fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press
Unha vaca repousa tombada fronte a aeroxeradores no parque eólico de Montouto, da Serra do Xistral, na comarca de Terra Cha / Carlos Castro - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta