"Fartos dos abusos" da Xunta sobre a educación pública

Centos de docentes e familias manifestáronse este domingo en Santiago de Compostela.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/09/2022 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

Centos de docentes e familias manifestáronse este domingo en Santiago de Compostela, "fartos" do que cualifican de "abusos continuados" sobre o ensino público por parte da Xunta de Galicia.

Centos de persoas maniféstanse en Santiago para denunciar os 'abusos' da Xunta sobre a educación pública
Centos de persoas maniféstanse en Santiago para denunciar os 'abusos' da Xunta sobre a educación pública | Fonte: CUT ENSINO.

Baixo o lema 'Nin recortes, nin despedimentos. Por un ensino de calidade', a mobilización, convocada pola CUT Ensino, percorreu as principais rúas da capital galega, desde a Alameda ata a Praza de Pratarías.

Criticaron que neste inicio de curso, postcovid, as aulas estean "ateigadas" con ata 35 alumnos e cun número de profesorado "menor, recortado en máis de 900 prazas estruturais anuais" e a "imposición" de impartir materias alleas á súa especialización docente.

Tal e como se recolle no manifesto, lido en Pratarías, os efectos dos recortes provocaron o despedimento do persoal interino de longa duración "cando se está punto de convocar o proceso para a súa estabilización".

Un proceso que, como lembraron, foi denunciado ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) polo sindicato "por non contar con suficientes prazas ofertadas".

O manifesto inclúe tamén propostas de solución, que pasan pola ampliación do número de profesores mediante a "correcta aplicación de procesos de estabilización docente", a reversión dos recortes e a supresión das materias non relacionadas coa docencia de cada profesor.

Anunciaron ademais que non deterán as mobilizacións "ata ver un ensino público digno e ao servizo do pobo, cunha oferta de estabilización que ampare a todo o profesorado despedido".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta