Formoso reivindica Galicia en Bruxelas como "a solución" á crise enerxética polo seu "potencial" en renovables

O socialista apela a desenvolver un modelo "de participación pública".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/09/2022 | Actualizada ás 20:23

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reivindicou que Galicia é "a solución" á crise enerxética desatada pola guerra de Ucraína dado o seu "potencial" en renovables. O socialista trasladou esta mensaxe á comisaria europea de Enerxía, Kadri Simson, nun dos encontros que forman parte da axenda de Formoso durante a súa viaxe a Estrasburgo.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, xunto a comisaria europea de Enerxía, Kadri Simson, e o eurodeputado socialista Nicolas González Casares
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, xunto a comisaria europea de Enerxía, Kadri Simson, e o eurodeputado socialista Nicolas González Casares | Fonte: PSDEG.

Alí, o tamén alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña incidiu na importancia de contar cun "modelo de participación pública" para evitar "proxectos especulativos" en territorio galego que vinculou ao Partido Popular.

Co sector público como "líder" destes proxectos, Formoso apelou a ter "os brazos abertos aos proxectos que queiran achegar a Galicia, contar co territorio e fagan un esforzo de entendemento coas entidades locais, cos veciños, coas comunidades de montes e o goberno autonómico".

O responsable socialista, que entregou á comisaria unha copia do pacto asinado polo PSdeG con algúns sindicatos e colectivos sociais en apoio ao desenvolvemento do sector eólico en Galicia, incidiu en que Galicia ten que contar cun modelo de renovables que deixe "parte dos beneficios" no territorio para sufragar o custo dos servizos públicos.

Ante este escenario, Formoso considera que Galicia está ante "unha oportunidade histórica" que obriga o Goberno autonómico a "facer os deberes" para "liderar" este tipo de proxectos que sirvan para "garantir a viabilidade de empresas como Alcoa, Stellantis ou Coren".

CRÍTICAS AO BNG

Ademais, tamén deslizou unha crítica velada ao BNG pola súa postura sobre a implantanción de proxectos eólicos en Galicia, xa que, para o socialista, é similar á que mantiveron coa construción da AP-9 ou a chegada do AVE as cidades.

"Aqueles que prefiren situarse detrás dunha pancarta que asumir un reto que a UE nos está pondo diante e no que Galicia pode ser líder"", aseverou Formoso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta