Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/09/2022 | Actualizada ás 10:54
O Concello da Coruña dedicou máis de 10 millóns para financiar voos deficitarios ao Aeroporto de Alvedro. É unha das conclusións que Greenpeace tirou á luz na súa última investigación, titulada “Trampulladas no aire: Análise das subvencións de concellos e comunidades ao sector aéreo”, no que denuncian as axudas que diversas administracións deron ás aeroliñas para manter voos deficitarios.
No caso coruñés, o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña concedeu desde 2019 máis de 10 millóns en subvencións a aeroliñas como Volotea, Binter, Iberia ou Vueling, a través de contratos de promoción turística e conectividade aérea. A estes contratos súmase unha recente adxudicación, non incluída no informe, por ser de datas posteriores, por un importe de 1,2 millóns a EasyJet para manter voos desde Alvedro a tres cidades europeas.
Mediante contratos xustificados como «Servizo de promoción do sector turístico local e a súa conectividade aérea» mantéñense uns roteiros que non serían rendíbeis sen estas inxeccións adicionais de cartos públicos. Un contrato que se prolongará deica o ano 2024, a pesar de ser unha práctica vixiada de preto por entidades como o Tribunal de Contas Europeo, ao supor unha perturbación dos principios de libre competencia.
No seu informe, Greenpeace cuestiona a xustificación do turismo para outorgar as devanditas axudas porque "lonxe de atraer visitantes estranxeiros, os destinos das liñas (como Canarias) parecen sobre todo destinos vacacionais da poboación propia". "Unha fórmula similar á xa empregada polo Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra para manter voos en Peinador, ou mesmo pola propia Xunta de Galicia quen, xunto co Concello de Santiago, subvencionaron voos en Lavacolla antes da pandemia", critica.
Segundo Adrián Fernández, responsábel da campaña de mobilidade de Greenpeace, “en plena emerxencia climática vemos como a Xunta, as deputacións e os concellos galegos financian unha actividade nociva para o medio ambiente, como é a aviación". Neste sentido, di que estas axudas, baixo a aparencia de contratos de promoción turística, teñen como finalidade real "que as aeroliñas manteñan de xeitos artificial uns voos innecesarios". "Por iso esiximos aos concellos e deputacións que deteñan este tipo de axudas e dediquen estes recursos para promover un modelo turístico compatíbel coa protección do clima e a contorna", engade.
O mesmo informe alerta da saturación de aeroportos en Galicia, onde se concentran tres aeroportos en menos de 120 quilómetros. Esta situación agrávase ao ignorar a existencia do aeroporto do Porto, que absorbe unha boa parte do tráfico aéreo ao posicionarse como “aeroporto da eurorrexión”. "A sustentabilidade económica dos aeroportos galegos atópase comprometida desde o principio por esta carencia de estratexia global, a pesar do cal as administracións seguen a dilapidar diñeiro público con tal de que eses voos non se desvíen a aeroportos próximos", apunta o informe.
CONTAMINACIÓN
A través da súa campaña de mobilidade, Greenpeace chama a atención sobre o impacto do sector aéreo nas emisións de CO₂ e denuncia que en plena emerxencia climática as administracións sigan promovendo as viaxes en avión a pesar de ser o transporte máis contaminante por persoa transportada. Como exemplo, alguén que viaxe en avión da Coruña a Madrid estará a emitir 152 kg de CO₂; mentres que a mesma viaxe nun tren Alvia, que é 100 % eléctrico, supón só 14 kg de CO2.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.