Aprobado o plan estratéxico de Galicia 2022-2030 só cos votos a favor do PPdeG

As outras dúas eran do PP e piden unha estratexia galega para a economía azul e "liderar" a revisión da Política Común de Pesca.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2022 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

O Parlamento aprobou o plan estratéxico de Galicia para o período 2022-2030 só cos votos a favor do PPdeG e o rexeitamento da oposición, despois de incorporar un total de 22 propostas de resolución, seis delas do PSdeG e 14 transaccionadas entre os populares e os socialistas.

As outras dúas correspóndense co grupo maioritario e contemplan dúas peticións: a dunha estratexia galega para a economía azul (aprobada co respaldo de PP e PSOE e en contra do BNG) e a de que a Xunta lidere a revisión da Política Común de Pesca (a favor populares e socialistas e abstención do Bloque).

As seis propostas do PSOE que o PP apoiou contaron co respaldo tamén do BNG, polo que saíron adiante por unanimidade. As dúas primeiras refírense a impulsar medidas que avancen cara ao aproveitamento dos metais secundarios a partir da recuperación e da reciclaxe e a eliminar os tramos de concentración de accidentes con investimentos apoiados en criterios técnicos e de seguridade.

Os tres seguintes reclaman desenvolver os plans de ordenación dos recursos forestais, potenciar actuacións de forestación e silvicultura e impulsar os aproveitamentos forestais en montes de xestión privada. Por último, unha das iniciativas que incorpora o plan demanda elaborar e aprobar o I Plan de igualdade da Administración xeral da Xunta de Galicia.

DEBATE

Este mércores repetiuse o debate que tivo lugar xa o martes no pleno durante a presentación das propostas de resolución dos grupos, e así a deputada do PSdeG Begoña Rodríguez Rumbo advertiu a PP e Goberno que "o problema é que se dedican a elaborar documentos con moita publicidade e propaganda (...) pero vostedes non executan as medidas".

"En definitiva, vostedes hoxe aquí terán a súa misión cumprida e o seu minuto de gloria anunciando que unha vez máis a Xunta aproba un plan estratéxico", profundou, antes de resolver que "se non executan, por moito que escriban, por moito que poñan e por moito que aproben, non haberá un impacto real sobre a sociedade e a cidadanía galega".

Na quenda do BNG, Daniel Pérez reprochou que a Xunta "continuou para adiante, ás toas" con este plan elaborado antes do actual escenario marcado pola crise de prezos e a guerra de Ucraína. Atribuíuno, de feito, á toma de posesión dun novo presidente e a unha "estratexia de partido", polo que avisou aos populares de que "non conten" co Bloque "para enganar de novo ao pobo galego".

Por parte do PPdeG, o seu portavoz, Pedro Puy, afeou aos nacionalistas que "os do non recuperan o non" e recriminoulles que "sempre que ofrecen ir da man o que están a facer é tentar coller o cabestro para que vaia detrás a maioría do país, e iso non é acordar".

As 14 PROPOSTAS TRANSACCIONADAS

As 14 propostas transaccionadas entre o PP e o PSOE, que se aprobaron cos votos de ambos os grupos e a abstención do Bloque, refírense a cuestións como un plan de prevención contra o suicidio, a prevención de enfermidades mentais e medidas necesarias para garantir "un stock estratéxico" de material e equipos de protección sanitarios.

Tamén expoñen continuar colaborando co sistema educativo para mellorar en materia de "educación para a saúde, fomentar a mobilidade sustentable e alternativa, impulsar a intermodalidade e a finalización das estacións. Outras propostas teñen que ver con biorresiduos, co investimento en I+D+i e o persoal investigador, a RIS3 e a adaptación das tecnoloxías dixitais ás persoas con discapacidade e outros colectivos.

Por último, hai propostas de resolución transaccionadas referidas a conservación das vías autonómicas, ao desenvolvemento do plan director de estradas de Galicia e a medidas encamiñadas a impulsar un turismo de excelencia, así como ao uso do galego no TIC e nas plataformas de redes sociais e contido audiovisual e ás 'Salas Gesell' nos xulgados galegos, para que estean "presentes en polo menos" as sete cidades.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, este martes durante a presentación do plan estratéxico da Xunta. XUNTA
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, este martes durante a presentación do plan estratéxico da Xunta. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta