Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/09/2022 | Actualizada ás 20:14
O comité de empresa de Coremain, empresa provedora de servizos de tecnoloxía, denunciou a intención da dirección de presentar un ERE de extinción que suporá o despedimento de "decenas" de traballadores e traballadoras, tras perder o proxecto Vodafone, que se podería trasladar a Perú.
O sindicato CIG confirmou que a empresa comunicou a finais de agosto aos representantes do persoal a súa intención de aplicar este ERE, aínda que "a día de hoxe, segue sen concretar o número de despedimentos, que vai desde 30 a 80 persoas", ou a posible deslocalización de postos de traballo.
Por iso, denunciou que o persoal vive estes momentos con "incerteza" e expresou o rexeitamento do comité a calquera medida que supoña despedimentos.
Os representantes dos traballadores culpan da actual situación á aposta de Coremain por derivar parte da carga de traballo a Perú nos últimos anos, e advertiron de que "todo apunta" a que a nova adxudicataria do proxecto Vodafone (CAU-Centro de Axuda ao Usuario) pretende trasladar todo o servizo de atención ao país andino.
"Isto supón seguir profundando na redución de postos de traballo do sector en Galicia, así como o traslado de datos de miles de persoas a un país que non está suxeito á normativa europea de protección de datos", alertaron, e denunciaron tamén que Vodafone prioriza os seus beneficios económicos "á conta dos dereitos laborais".
Por outra banda, o comité tamén criticou que a Xunta "segue sen exercer as súas competencias" e non esixe ás empresas que operan en Galicia que garantan a atención en galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.