Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2022 | Actualizada ás 11:19
A Plataforma Pola Defensa do Tren A Coruña – As Mariñas vén de convocar unha concentración diante da estación do ferrocarril de San Cristóbal para este xoves, 22 de setembro, ás 20.30 horas, con motivo do día mundial sen coches. Entre as reivindicacións deste colectivo está a creación dun tren de proximidade na comarca da Coruña, e a través desta mobilización quere poñer sobre a mesa que o "tren é a mellor alternativa ao transporte por estrada tanto de persoas como de mercadorías".
Dende a plataforma insisten en que na comarca hai infraestruturas aproveitables para a implantación dun tren de proximidade, ademais da mellora das conexións ferroviarias con Lugo, Ferrol e Ribadeo. "Non podemos seguir dependendo do vehículo privado para poder desprazarnos pola comarca e o resto do país, e tendo unha posibilidade real de ter un servizo de calidade, non se entende que deixen morrer un medio de transporte que melloraría a vida das persoas e do planeta", sinalan desde a plataforma.
Indican, tamén, que o bono gratuito é algo positivo, pero critican que non haxa trens que cubran o incremento de persoas que usan o servizo debido a esta medida do goberno. Fronte ás cuestións ao redor do uso potencial dun tren de cercanías, a plataforma é clara: "É unha obviedade que cunha poboación de case medio millón de persoas conectadas polo tren ata Ferrol e con máis de 250 mil vehículos que entran a diario na cidade da Coruña, o tren de proximidade é unha necesidade fóra de toda cuestión".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.