A hostalaría prevé unha redución de ingresos de ata "un 60%" no último trimestre do ano

O presidente de Hostalaría de Galicia recoñece que se "mete a pata en moitas ocasións" con salarios baixos e horarios laborais, pero que as condicións "están cambiando a pasos axigantados".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2022 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A hostalaría galega afirma que, despois dun verán no que se "aguantou ben", prevén unha redución de ingresos de ata "un 50 ou un 60 por cento" no último trimestre do ano. Esa é a porcentaxe que manexa o presidente de Hostalaría de Galicia, Cheché Real, que apuntou "á subida dos carburantes e da enerxía" como elementos que provocan esta rebaixa na facturación.

"Agora mesmo a nivel nacional e a nivel europeo o medo que temos é que non vai haber os mesmos ingresos que houbo no verán e na primavera e os gastos van ser os mesmos", sentenciou. Así mesmo, Real sinalou que "os gastos do establecemento en canto a enerxía van ser os mesmos, pero os ingresos van baixar da orde dun 50, un 60 ou un 70 por cento". "Isto vai ser moi difícil de manter e de ter unha estabilidade empresarial", avisou.

Neste sentido, Cheché Real insistiu en que "se a subida da enerxía foi dun 300 por cento", a hostalaría "non pode repercutir esta subida nas cartas nin nos prezos das bebidas". Con todo, si recoñeceu que houbo subidas de prezos, pero "moi pequenas". "Creo que a subida vai ser un feito xeneralizado entre outubro e novembro, pero vai ser xeneralizado porque se non vai ser imposible manter o negocio", deslizou.

CAMPAÑA DE VERÁN

Sobre a campaña de verán, afirmou que houbo "moita xente, pero a xente non gastou da mesma maneira que noutros anos". Así, indicou que aínda que "a afluencia de xente foi igual ou superior, o gasto non foi o mesmo". "Nós pensamos que agora coa chegada do outono e inverno vai ser un último trimestre do ano complicado e o 2023 cunha carestía importante para os negocios e a sociedade", remarcou.

Sobre a falta de profesionais, Real puntualizou que non é un "problema" que só afecte a hostalaría, "senón tamén a outros sectores". Con todo, puntualizou que "as condicións no sector están a cambiar a pasos axigantados" porque, continuou, "métese a pata en moitas ocasións, con salarios baixos e horarios", pero asegurou que estas circunstancias están a cambiar "debido á necesidade do sector de buscar xente".

Cheché Real, presidente da Federación Galega de Hostalaría.
Cheché Real, presidente da Federación Galega de Hostalaría. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta